ALCALDÍA

Sánchez Bugallo: "Todos os grandes proxectos da cidade contan con financiamento"

02/10/2009 O alcalde compostelán, Xosé A. Sánchez Bugallo, analizou as partidas recollidas nos orzamentos do Estado para a cidade. Segundo indicou, destas contas resulta que "Santiago é o concello número un de Galicia en canto investimentos per cápita e en número absolutos".

"Todos os proxectos importantes que era posible contemplar nos orzamentos do Estado están contemplados", apuntou o alcalde, engadindo que "a parte coñecida é a máis importante do gasto total, pero non todo". Neste sentido, referiuse a que os tramos do AVE pendentes non recollidos nos orzamentos do Estado van a ser financiados con cargo a un crédito que ADIF contraerá co Banco Europeo de Investimento.

Tamén sobre o AVE, salientou os 86 millóns de euros para a entrada do AVE en Santiago. A propósito desta actuación, comentou que 21 dos 22 procesos de expropiación se pecharon xa de mutuo acordo e unicamente un foi recorrido.

Anunciou igualmente que a intención do Ministerio de Fomento é encargar o proxecto da futura estación intermodal este mesmo mes. Unicamente está pendente este trámite de "pechar uns asuntos coa Xunta" cara a sinatura do convenio entre as tres Administracións. En calquera caso, dixo, "está moi ben encamiñado".

Aeroporto
Sobre os investimentos no aeroporto de Lavacolla, destacou que a Santiago se destinan 268 dos 420 millóns de euros previstos para Galicia no período 2010-2013. Sánchez Bugallo dixo estar en "directísimo contacto" co presidente de AENA, Juan Ignacio Lema, e co ministro de Fomento, José Blanco, para traballar no obxectivo de ter rematada a nova terminal en xullo de 2011.

EDAR
O alcalde tamén se referiu aos seis millóns de euros contemplados para a nova estación depuradora (EDAR), resaltando que "o importante é que se saquen a licitación as obras". Despois dunha conversa mantida coa ministra de Medio Ambiente, Elena Espinosa confirmou que esta visitará Santiago en breve para explicar o proxecto e que a previsión é que a licitación se faga este mesmo ano 2009.

Centros do CSIC, túnel de Conxo e Consorcio
Os orzamentos tamén recollen o Centro do de Ciencias do Patrimonio Cultural e o Centro Molecular e Tecnolóxico da Vida. Respecto a este último, demandou da Universidade de Santiago que "se desbloquee e axilice" este tema, "xa que o financiamento existe".

Outra obra importante, a do túnel de Conxo, non contemplada explicitamente nas contas estatais, está recollida nun proxecto de seguridade vial para Galicia de 17 millóns de euros, aclarou Sánchez Bugallo. "Esta obra é a número 1 desta partida xeral", engadiu.

Finalmente, referiuse aos 7,8 millóns de euros destinados ao Consorcio de Santiago. Anunciou que se traballará para incrementar esta dotación, que se minorou tanto para o órgano compostelán como para os de Cuenca e Toledo. Ademais, afirmou que existía unha partida de 1,8 millóns de euros para investimentos "que temos que aclarar".

Compartir: