CULTURA

"Silencio", da compañía Clara Andermatt, chega ao SCQ Danza

30/09/2009 Silencio, unha creación da compañía portuguesa Clara Andermatt, achegará de novo a danza ao escenario do Teatro Principal. Será ás 21:00 horas do xoves, 1 de outubro, na que será a quinta e penúltima cita do ciclo SCQ Danza para 2009.

Esta representación supón unha proposta especialmente interesante, xa que tece a súa aposta expresiva valéndose tanto dos códigos corporais -executados pola propia Clara Andermatt e por Peter Michael Dietz- como da narración audiovisual construída polo cineasta francés F. J. Ossang. Así, Silencio afonda nas relacións entre danza, son e imaxe que tanto preocupa á coreógrafa. Andermatt materializa nesta proposta a súa convicción de que o cruce de linguaxes e metodoloxías enriquece a súa linguaxe coreográfica.

Silencio non conta ningunha historia, senón que constrúe unha sucesión de eventos sen relación aparente, sen principio nin fin. Esta estrutura, que se sustenta no encanto de construír un encadeamento cinético abstracto, transmite ao espectador unha sensación de presente infinito. Deste xeito, a orde pouco lóxica dos eventos que constitúen a peza, conforma o sentido final da obra.

As localidades para o espectáculo están dispoñibles de forma anticipada a través do servizo de venda de entradas de Caixa Galicia (902 434 443 ou www.caixagalicia.es) e poderán mercarse o mesmo día da representación no despacho de billetes do Teatro Principal, de 12:30 a 14:00 horas e de 18:00 ata o comezo da función. O prezo é de 7 euros para as entradas de butaca, platea e primeiro andar; de 5 euros para as localidades no segundo andar e de 3 euros no caso do anfiteatro.

As mellores propostas de danza contemporánea para Compostela
Silencio é o quinto dos seis espectáculos que compoñen esta edición do ciclo SCQ Danza de 2009. O programa de danza contemporánea rematará o 12 de decembro no teatro Principal. Víctor Hugo Pontes presentará entón o seu Manual de instrucións, unha reflexión sobre a supervivencia dos individuos nas sociedades modernas.

Ese será o peche da terceira edición do programa organizado pola Concellaría de Cultura e Centros Socioculturais para mellorar a oferta de danza da cidade. En 2009, SCQ Danza achegou xa aos escenarios de Compostela propostas galegas como o Nexus 6, da compañía Branca Noveneyra ou o Giseliña, do Centro Coreográfico Galego, pero tamén espectáculos internacionais como A quinta do xordo, da compañía francesa Catherine Diverrès, ou o espectáculo do xoves 1, chegado do país veciño.

Compartir: