XUNTA DE GOBERNO

Adxudicadas as obras da escola infantil da praza da Constitución

29/09/2009 A Xunta de Goberno adxudicou as obras de reforma do edificio que albergará a nova Escola Infantil da praza da Constitución (Tras Parlamento) e as de reurbanización das calzadas de San Pedro e Santo Antonio. Entre outros asuntos, na sesión tamén se acordou incrementar en 59.000 euros as axudas de carácter social que outorga a Concellería de Benestar Social.

A adxudicación da obra de reforma interior permitirá converter o edificio que en tempos serviu de dependencias de Benestar Social para unha nova Escola Infantil. Esta será a quinta escola que se abra na cidade, tras as de Conxo, Fontiñas, San Roque e polígono do Tambre, esta última recentemente inaugurada. A próxima en construírse será a de Salgueiriños. As obras adxudicáronse por 249.534,43 euros máis IVE.

Tamén no ámbito educativo, aprobáronse as bases e a sinatura do contrato con XADE para o desenvolvemento do programa "Á auga patos", e un orzamento para o mesmo de 1.000 euros. Este programa, xa habitual nos últimos anos destínase aos escolares e realízase ao longo do curso. O contrato determina aspectos como a reserva de rúas das piscinas e Santa Isabel e Sar para os participantes durante o horario lectivo.

O Goberno local aprobou igualmente a sinatura do habitual convenio de colaboración co IES Rosalía de Castro para un novo curso do Bacharelato Internacional. A achega municipal é de 13.042 euros.

Rehabilitación e Cidade Histórica
En materia de Cidade Histórica, aprobáronse os proxectos de dúas obras de reurbanización incluídas no convenio sobre espazos públicos asinado coa entón chamada Consellería de Vivenda. Trátase das calzadas de San Pedro e Santo Antonio, cun tipo de licitación de 352.576 e 178.633 euros, respectivamente.

As obras suporán unha renovación completa das instalacións e pavimentos destas dúas rúas, así como a redefinición dos seus espazos. A propósito deste convenio de renovación de varios espazos públicos, entre os que se inclúen os citados, adxudicouse o servizo de coordinación dos traballos arqueolóxicos, por un importe de 56.096 euros máis IVE.

Ademais, determinouse a empresa que realizará as obras de acondicionamento, escavación arqueolóxica e restauración do castelo da Rocha Forte, por 83.350 euros máis IVE. A intervención inclúe a limpeza e a protección destes restos arqueolóxicos.

Benestar Social
As axudas de carácter social increméntase en 59.000 euros, coas seguintes partidas adicionais: vivenda-aloxamento (28.000 euros), manutención (28.000 euros) e gastos excepcionais puntuais (3.000 euros). Precisamente, na mesma Xunta de Goberno, pero por procedemento de urxencia, aprobouse a concesión de 20 axudas de manutención por importe de 18.525 euros.

Tamén en materia de Benestar Social, acordouse levar a cabo, cun grupo consultor, un estudo diagnose da realidade existente no Concello no tocante aos usos do tempo, horarios e medidas de conciliación. Este estudo, presupostado en 17.550 euros, servirá de base para a elaboración dun Plan de Programación do Tempo.

O estudo terá en conta cuestións como a planificación da mobilidade e os horarios da mobilidade escolar, dos servizos de apoio ás persoas, das actividades lúdicas e culturais, das actividades nos espazos públicos ou dos servizos administrativos. O informe contará coa participación de todos os axentes sociais, culturais, empresariais e políticos do Concello.

Centros Socioculturais
Finalmente, e a proposta da concelleira de Centros Socioculturais, adxudicouse a obra de urbanización exterior do Centro Social de Figueiras, por importe de 120.050 euros máis IVE.

Documentos relacionados



Compartir: