PARTICIPACIÓN CIDADÁ

A Casa das Asociacións acolleu a primeira xornada sobre mediación asociativa

25/09/2009 A Casa das Asociacións de Cornes albergou a Primeira xornada de encontro con líderes asociativos composteláns para a mediación na resolución de conflitos comunitarios, que contou coa presenza de Raquel Castillejo, profesora de dereito procesual da USC. Esta xornada enmárcase nas actividades programadas pola Concellería de Participación Cidadá, que dirixe Guadalupe Rodríguez.

A implicación dos veciños de Compostela nos problemas que lles afectan como cidadáns é un dos obxectivos fundamentais da Concellería de Participación Cidadá. A mediación de conflitos é un deses ámbitos que facilita a participación veciñal. Esta Xornada é o primeiro paso nesta dirección, co obxectivo de, nunha primeira fase, instruír ás asociacións neste técnica. Posteriormente abrirase á participación de toda a cidadanía cun obxectivo claro: que Santiago se converta en cidade mediadora de conflitos.

En ocasións, os ritmos da vida cotiá conlevan a aparición de conflitos de pequena intensidade entre veciños que se poderían xestionar de forma civilizada e racional, impedindo que se enquisten de forma negativa no xeito de percibir tal relación e a propia convivencia. Ensinar os veciños composteláns a exercer de mediadores é un dos obxectivos desta xornada, na que salienta a conferencia que impartirá a profesora Raquel Castillejo, experta en resolución de conflitos.

Un exemplo deste tipo de conflitos nunca cidade universitaria como Santiago son os relacionados co ruído. A canalización, as máis das veces, faise de forma case exclusiva a través da denuncia policial, sen que se produza un diálogo entre as partes confrontadas e sen que, no fondo, se chegue á resolución do conflito.

Segundo sinala Guadalupe Rodríguez "é preciso un espazo dirixido aos veciños da cidade, de carácter gratuíto, para a resolución pacífica de conflitos. Trátase de fomentar o compromiso cívico cidadán e reforzar a convivencia cun novo modelo para xestionar as situacións conflitivas".

A mediación é un proceso de resolución de conflitos onde un terceiro imparcial (o mediador) axuda aos implicados a buscar alternativas para resolver o problema formulado, baseándose na comunicación, o respecto e a colaboración das partes implicadas.

Os obxectivos da mediación veciñal son:
a) Prevención de conflitos
b) Resolución antes do agravamento de conflitos entre veciños
c) Resolución extraxudicial de problemas entre veciños
d) Establecemento dun sistema público, universal, permanente e gradual para a resolución de conflitos.

Compartir: