CENTROS SOCIOCULTURAIS

As esculturas pequenas de Fran Lareo, nos centros socioculturais composteláns

10/11/2005 "Ideas en pequeno" é o nome da mostra de escultura en pequeno formato que Fran Lareo exporá no Centro Sociocultural do Castiñeiriño. Á inauguración, que será o xoves 10 de novembro ás 20 horas, acudirá a concelleira de Centros Socioculturais, Mercedes Rosón.

"Ideas en Pequeno" é unha mostra de escultura en pequeno formato de Fran Lareo que estará na Rede de Centros Socioculturais do Concello durante os vindeiros meses.

Fran Lareo (Brión, 1968) realiza esculturas en madeira e outros materiais dende 1998. Ten participado en varias exposicións colectivas e diversos concursos. O seu gusto pola talla en madeira levouno a experimentar, dunha maneira totalmente autodidacta con este material, ata chegar a completar unha mostra de figuras en pequeno formato, con diversas formas, algunhas delas inspiradas na arte primitiva, e outras que nos fan pensar en formas dos elementos presentes na natureza.

A súa derradeira exposición tivo lugar neste ano no Centro Comarcal Deza (Expodeza) en Lalín, cunha moi boa acollida.

"Ideas en pequeno" estará os próximos meses nos seguintes centros socioculturais:
Do 10 ao 29 de novembro no CSC do Castiñeiriño.
Do 2 ao 21 de decembro no CSC de A Trisca.
Do 8 ao 24 de febreiro de 2006 no CSC "Aurelio Aguirre"de Conxo.
Do 8 ao 25 de marzo de 2006 no CSC de Fontiñas.
Do 7 ao 27 de Abril de 2006 no CSC "José Saramago"de Vite.

Compartir: