CULTURA

O segundo Obradoiro do Espectador achega as novas linguaxes escénicas aos cidadáns

25/09/2009 Tres espectáculos de teatro contemporáneo achegarán en outono aos usuarios dos centros socioculturais e a todos os cidadáns e cidadás interesados ás novas linguaxes escénicas.

A concelleira de Cultura e Centros Socioculturais, Socorro García Conde, e Patricia de Lorenzo, en representación do compañía Chévere, presentaron en rolda de prensa a segunda edición do Obradoiro do Espectador. O programa ten o obxectivo de achegar ao público menos familiarizado ás artes escénicas contemporáneas, "para que poidamos entender mellor o que se nos ofrece", segundo dixo a edil. Con esta fin, a actividade estrutúrase arredor de tres espectáculos escénicos, aos que precede unha sesión de preparación e que conclúen cun coloquio cos creadores.

Testosterona, da propia compañía residente da Sala Nasa, será o primeiro destes espectáculos, o día 16 de outubro. O martes anterior, no CSC do Ensanche, celebrarase a sesión previa de adestramento. En novembro, o día 6, será Memoria del jardín, unha proposta da compañía madrileña Magrinyana a representación á que asistirán os integrantes do obradoiro, despois de ter asistido tres días antes á sesión de contextualización no CSC de Vite. Por último, o 5 de decembro chegará Aviadoras, circo aéreo da compañía Duelirium, á que precederá o día un a explicación teórica en Fontiñas. Os tres espectáculos e os correspondentes coloquios cos creadores terán lugar na Sala Nasa.

Cada un destes obradoiros ten un custe de oito euros para o público xeral e de tres euros para os tripulantes da Sala Nasa, e en ambos casos está incluída a entrada ao espectáculo correspondente. A inscrición estará aberta dende o luns 28 ata un día antes da celebración de cada obradoiro, e pode realizarse tanto nos centros socioculturais como na propia Sala Nasa.

Valoración da primeira edición
O obradoiro do espectador que comeza en outubro constitúe a segunda edición dunha actividade que comezou durante o curso anterior. Socorro García fixo durante a presentación unha valoración moi positiva desa primeira celebración destes obradoiros, que Patricia de Lorenzo definiu como "pioneiros e exemplares a nivel estatal".

Así, durante o curso 2008 trinta usuarios asistiron a esta proposta didáctica, dos que sorprendentemente case a terceira parte foron persoas de máis de 55 anos. Estes asistentes valoraron especialmente os novos coñecementos que lles aportaban os obradoiros, que levaban a unha maior comprensión e disfrute dos espectáculos, xa que maioritariamente, pese a ser espectadores habituais de teatro, non posuían formación previa neste eido.

Tamén foi moi valorada a posibilidade que ofrece a actividade de manter unha conversa directa cos creadores, dimensión tamén remarcada polas compañías participantes pola información directa que lles ofrece. Ademais, os asistentes agradeceron tamén a posibilidade que lles ofrecían os obradoiros de asistir ao teatro en compañía. Neste sentido, resulta paradigmático o caso de Virucha, unha muller que non acudía ao teatro por non ir soa e que, tras achegarse aos obradoiros, converteuse nunha espectadora habitual da Sala Nasa. Ela pon a súa cara á esta nova edición.

Pese a esta valoración tan positiva, Socorro García non deixou de lado as deficiencias que puidera ter a primeira edición, que residiron sobre todo na pouca difusión da actividade. A edil aproveitou, facendo propósito de emenda, para convidar tanto aos usuarios dos centros socioculturais como a todos e composteláns e compostelás a participar porque "seguro que o van pasar ben e van demandar unha terceira edición".

Documentos relacionados



Compartir: