ALCALDÍA

O Plan de Seguridade do Xacobeo 2010 presentarase o 29 de setembro

25/09/2009 A Xunta Local de Seguridade reunirase o martes 29 de setembro no Concello. Na mesma presentarase o Plan de Seguridade para o Xacobeo 2010.

Na súa habitual rolda de prensa dos venres, o alcalde anunciou esta reunión da Xunta Local de seguridade, que estará presidida polo delegado do Goberno. Deste xeito, quedarán concretadas cuestións como as necesidades do dispositivo policial, a limitación e contabilización de aforos dentro da Catedral ou as solucións para o depósito de mochilas.

Sánchez Bugallo tamén falou do convenio asinado para a construción do Centro de Ciencias do Patrimonio Cultural do CSIC nas Brañas do Sar. Recordou que "será o centro de referencia de España nesta materia para o resto do mundo". "Agora fáltanos o Centro de Biomedicina", dixo, emprazando á Xunta e á Universidade de Santiago a "desbloquear a construción deste centro, para o que o Concello xa cedeu unha parcela".

Resaltou que este Centro de Biomedicina complementaría o centro previsto pola USC na avenida de Barcelona, "se ben este terá o dobre de tamaño". Estes dous complexos e o Centro de Ciencias do Patrimonio Cultural "porán en valor o perfil investigador de Santiago. A previsión é que o este último de traballo a uns 100 especialistas, e o de Biomedicina a outros 200.

Compartir: