PLENO

Aprobado o reaxuste global do Urbana Santiago Norte

24/09/2009 No Pleno municipal aprobouse o reaxuste global de accións e orzamento do proxecto Urbana Santiago Norte, co obxecto de adaptalo ao orzamento final concedido, inferior ao formulado na candidatura. O orzamento final é de 11.433.590 euros, dos que o FEDER achega 8.003.513 e o Concello 3.430.077.

Esta cantidade servirá para por en marcha diversos proxectos en once áreas temáticas: fomento da integración social e igualdade de oportunidades, medio ambiente urbano e redución e tratamento de residuos, accesibilidade e mobilidade, fomento do uso máis eficaz da enerxía, cultura e patrimonio, infraestruturas de servizos, sociedade da información, desenvolvemento do tecido económico, formación profesional, información e publicidade e xestión e seguimento do programa.

Entre as actuacións incluídas están accesos Wi-Fi en espazos públicos, programas de dinamización social e formación, a escola infantil de Salgueiriños, acondicionamento de parques e espazos públicos, limpeza do río Sarela, apoio á actividade comercial, programas de emprego, mellora da mobilidade en Vista Alegre e A Almáciga, fomento das enerxías renovables, creación de espazos para o fomento da creación cultural

Na súa intervención, a voceira do BNG, Socorro García Conde, explicou que para este reaxuste tivéronse en conta varios criterios: a propia normativa da convocatoria; a coherencia coa filosofía do programa, o interese en manter a maioría das actuacións incluídas no programa, nomeadamente aquelas que teñen que ver co fomento da integración social, a inserción de colectivos con dificultades, a promoción do tecido industrial e a construción e dotación de equipamentos, e as garantías da execución nos prazos de realización do programa. Neste sentido, tanto a concelleira coma o propio alcalde aclararon que a intención do Concello é realizar as intervencións descartadas a través doutros programas.

García Conde apuntou que "á vista das solicitudes formuladas, o Ministerio de Economía e Facenda resolveu incrementar o número de programas a desenvolver en Galicia, pasando dos tres previstos inicialmente a catro; os de Ferrol, Lugo, Santiago e A Coruña; e as porcentaxes de cofinanciamento, 70% fondos FEDER e 30% de achega dos Concellos, pero sen incrementar o investimento total polo que os Concellos tiñan que axustar os seus programas aos termos da resolución da convocatoria". Así, para Santiago, o financiamento FEDER pasou a ser de 8.003.513 euros (2.146.487 menos dos solicitados), polo que se deberon reaxustar as actuacións previstas inicialmente a un importe máximo (Fondos Feder máis achega municipal) de 11.433.590 euros (3.716.410 menos a respecto do programa inicial).

Definidos os criterios xerais, as diferentes Concellarías procederon a definir aquelas actuacións que consideraron prioritarias nos seus respectivos ámbitos de actuación con base na información, nas demandas e nas necesidades que cada departamento ten detectado e tratado coa veciñanza

A outra proposta que se someteu a consideración do Pleno refírese a, consonte coa normativa comunitaria, ao acordo de atribución de funcións aos efectos que o Concello sexa o organismo intermedio da xestión do proxecto nos termos que figuran na proposta de acordo.

Compartir: