PLENO

O Pleno insta á Xunta a manter a política de captación de liñas de baixo custo e de promoción turística da cidade

24/09/2009 O Pleno municipal instou á xunta á Xunta de Galicia a manter o modelo de captación de liñas de baixo custe e de promoción turística da cidade. Na mesma sesión tamén se aprobaron os festivos locais para o ano 2010.

Co voto favorable dos tres grupos municipais, o Pleno aprobou unha proposición na que se insta á Xunta de Galicia a manter a política de captación de liñas de baixo custo e de promoción turística de Santiago. Na sesión explicáronse os beneficios que esta compañías trouxeron para a captación de turismo para a cidade e incidiuse no papel de Lavacolla como aeroporto central e de referencia de Galicia.

Na proposición presentada polo BNG indícase que "o modelo de captación de liñas de baixo custo que veu funcionando ata hoxe sen problemas demostrou a súa rendibilidade para Santiago e Galicia". Tamén se indica que "a fórmula que agora quere impoñer a Xunta modifica substancialmente esta realidade e pon en perigo ao sector turístico da cidade e de Galicia en xeral e, incluso, a competencia do sistema aeroportuario galego en relación co aeroporto de Porto".

Festivos locais 2010
Outro dos acordos foi o dos festivos locais para o ano 2010. Ao non existir coincidencia en fin de semana dos habituais festivos locais, retómase o 16 de agosto, día de San Roque, como festivo na cidade. Nesta ocasión coincidirá a luns. O outro festivo local segue a ser o día da Ascensión, que no novo ano terá lugar o 13 de maio.

Integración na Axencia Eurorrexional de Desenvolvemento do Eixo Atlántico
A proposta do alcalde, acordouse a integración do Concello de Santiago na Axencia Eurorrexional de Desenvolvemento do Eixo Atlántico. Esta Axencia é a denominación que recibirá a Agrupación Europea de Cooperación Territorial na que se transformará o Eixo Atlántico.

A proposta final de convenio e os estatutos aprobaranse nunha fase posterior, tras a ratificación dos mesmos polos gobernos de España e Portugal. Esta nova configuración do Eixo Atlántico como agrupación de cooperación territorial permitirá, entre outros aspectos, a percepción de fondos europeos.

Compartir: