CULTURA

"O Apóstolo" celebrará a súa estrea mundial no 2010 en Compostela

24/09/2009 O filme de produción galega O Apóstolo, primeira película europea de animación en stop-motion que se estreará en estereoscópico, será presentada ao público mundial en Santiago o 17 de xullo do ano 2010. Días despois estrearase nas salas de cinema de todo o mundo. A data escollida para a súa presentación nos cinemas non é outra que o da festividade de Santiago do 2010. A Concellería de Cultura e máis a produtora da película ofreceron aos medios os detalles do evento.

A concelleira de Cultura, Socorro García Conde, presentou unha das citas culturais máis relevantes do próximo Ano Xacobeo, a estrea a nivel mundial do filme O Apóstolo. A película de animación está producida pola empresa galega Artefacto, xurdida ao abeiro do programa Equal, dependente da Concellaría de Promoción Económica.

A Concellaría de Cultura participa activamente na difusión do filme, colaborando na estrea que, de cara as entidades e empresas internacionais, terá lugar unha semana antes da presentación mundial, concretamente o 17 de xullo. Socorro García quixo destacar o total apoio da Concellería, na medida das súas posibilidades, á industria cinematográfica galega e a súa contribución ao que os seus produtos "sexan valorados aquí e tamén fóra".

Ademais, a película conta tamén coa colaboración da Real Filharmonía de Galicia, dependente do Consorcio de Santiago e que ten como sede o Auditorio de Galicia. A orquestra é a responsable da execución da banda sonora de O Apóstolo, composta por Phillip Glass. Na presentación da película, a Real Filharmonía interpretará en directo a música, en presenza do insigne compositor.

Primeiro filme europeo en stop-motion que estreará en 3D
Isabel Rey, produtora executiva do filme, explicou que O Apóstolo é a primeira película de animación stop-motion (feita fotograma a fotograma) rodada en Europa que se estreará en proxección estereoscópica, para ser vista en tres dimensións. Aínda que evidentemente o tema da produción non é outro que o Camiño de Santiago, non quixo adiantar moitos detalles do argumento.

A produción conta coa presenza de importantes figuras da interpretación como Luis Tosar, Carlos Blanco, Celso Bugallo ou Jorge Sanz, que evidentemente, poñen unicamente a súa voz ás personaxes. Os decorados, fabricados en cartón pedra e con armazón de madeira, son reproducións á escala de escenarios reais da cidade, entre eles a catedral. A directora artística da película, presente na rolda de prensa, manifestou que para ela supuxo un pracer reconstruír ese monumento e outras postais da cidade.

Socorro García, pola súa banda, aproveitou para salientar que as películas que teñen Santiago como tema contribúen tamén á difusión da cidade no resto do mundo. Ademais, adiantou que a intención do Concellaría era, durante o resto de proceso de rodaxe, achegar aos escolares de Santiago aos mecanismos de gravación que levarán a cidade, aínda que de cartón pedra, á gran pantalla.

Compartir: