BENESTAR SOCIAL

As expresións culturais dos colectivos inmigrantes da cidade fanse visibles no I Festival Folclórico Intercultural

24/09/2009 Presentouse en rolda de prensa o I Festival Folclórico Intercultural Santiago de Compostela 2009, que terá lugar o domingo 27 de setembro no Paseo Central da Alameda. Coa colaboración do Concello e da Deputación da Coruña, as asociacións de inmigrantes da cidade organizan por primeira vez este evento, dirixido a facer visibles os colectivos inmigrantes e promover o encontro entre culturas.

A concelleira de Benestar Social, Mar Martín, acompañada de Alexandra e Fany, dúas das organizadoras, explicou o programa deste Festival, que busca un achegamento entre a comunidade local e os novos e novas galegas, apostando desa forma pola convivencia e o intercambio intercultural. Entre as 11:00 as 18:00 horas, nos postos instalados baixo a carpa situada no paseo central da Alameda, a cidadanía compostelá poderá degustar pratos típicos e compartir por un día as diferentes expresións culturais e folclóricas das comunidades inmigrantes asentadas na cidade. Tamén poderán recibir información sobre as actividades que realizan as diferentes asociacións organizadoras e convidadas.

As 15:00 horas terá lugar unha mostra artística na que se presentarán bailes e cancións tradicionais de diferentes países, ademais doutras actividades como contacontos, hip-hop e grafitis.

O evento contará coa participación de dúas asociacións de inmigrantes da Coruña (AMESPA e Asociación de Uruguayos 25 de Agosto), ademais das organizacións de Comercio Xusto Panxea e Amarante, que levarán a cabo unha degustación e exposición de produtos. Esta última organización tamén presentará unha exposición interactiva, dirixida ao público infantil.

Tanto a concelleira como as organizadoras convidaron a todos os cidadáns de Santiago a participar nesta actividade intercultural e compartir unha xornada de cultura e folclore coa comunidade inmigrante afincada na cidade.

A Asociación Gondwana, a Asociación de Venezolanos AVESANTI, a Asociación de Bolivianos, a Asociación de Ecuatorianos COSIOR, a Casa Latinoamericana en Galicia, a Asociación de Peruanos, a Asociación Puente Cultural Rumano Gallego e a Asociación Ñane Reta Paraguai son as responsables pola organización desta actividade.

Compartir: