ALCALDÍA

As Brañas de Sar albergarán no ano 2013 o Centro de Ciencias do Patrimonio Cultural do CSIC

24/09/2009 O alcalde compostelán e presidente do Consorcio de Santiago, Xosé A. Sánchez Bugallo, e o presidente do Consejo Superior de Investigaciones Científicas (CSIC), Rafael Rodrigo, asinaron un convenio para a construción nas Brañas do Sar do Centro de Ciencias do Patrimonio Cultural do CSIC, un centro de referencia nacional no ámbito da investigación do patrimonio histórico e da paisaxe cultural.

O edificio construirase nunha parcela de 5.250 metros cadrados cualificada no PXOM como edificable e non ocupará máis de 2.000 metros cadrados. A superficie total do parque será de 330.000 metros cadrados. A previsión, segundo Rodrigo, é que as obras comecen en 2010, co obxectivo de que en 2013 o Centro estea funcionando. Tamén o alcalde se referiu a esta data, apuntando a "ilusión e oportunidade" que para Santiago é este complexo.

O Concello levará a cabo a expropiación do terreo en beneficio do CSIC, que financiará a construción do edificio, presupostada nuns 11 millóns de euros, en palabras do presidente do CSIC. Para garantir a calidade arquitectónica do edificio, o Consorcio e o CSIC convocarán un concurso de ideas previo, que será valorado por un xurado de seis membros, formado por representantes do CSIC, do Consorcio e do Concello de Santiago e dous arquitectos de recoñecido prestixio. O apoio técnico estará garantido pola Oficina Técnica-Taller de Proxectos do Consorcio de Santiago, que colaborará na xestión e resolución do concurso.

Ademais de firmar o convenio, constituíse unha comisión mixta entre ambas entidades que realizará o seguimento do proxecto.

O Centro de Ciencias do Patrimonio Cultural do CSIC
O Centro de Ciencias do Patrimonio Cultural será un centro propio do CSIC aberto á colaboración con Sistema Universitario de Galicia e á cooperación con outros axentes privados, públicos e institucionais no ámbito do Patrimonio.

O obxectivo do centro é fomentar, desenvolver, validar e difundir a investigación científica e tecnolóxica de carácter multidisciplinar sobre patrimonio cultural, coa finalidade de contribuír ao avance do coñecemento neste campo e ao desenvolvemento económico, social e cultural.

Pretende ser tamén un centro de formación de persoal especializado nesta área de investigación. A súa actividade vai encamiñada á análise, avaliación, conservación e valorización do medio construído, do ambiente urbano, do patrimonio cultural e da paisaxe histórica e cultural.

O centro inclúe entre as súas futuras liñas de investigación o patrimonio cultural, a materia e a tecnoloxía dos bens patrimoniais, paisaxes culturais, a significación e valor do patrimonio cultural, a socioloxía, a economía do patrimonio cultural e os procesos de patrimonialización.

Aspira a consolidarse como un punto de referencia no marco nacional e internacional en investigacións sobre patrimonio e xestión integral sostible. Con este centro búscase facer en Santiago un centro de referencia internacional en investigacións e estudos sobre patrimonio cultural, que contribúa á recuperación dunha concepción pública e social deste.

O parque urbano de Brañas do Sar
O parque urbano das Brañas do Sar, cuxa execución está prevista na programación plurianual do Consorcio de Santiago, será un gran espazo verde de conexión entre a Cidade da Cultura de Galicia e o centro urbano de Compostela, que conectará tamén os barrios de Fontiñas, Sar e Pontepedriña, así como a área do Multiusos co Parque Eugenio Granell e a futura estación intermodal. Deste xeito, o Centro de Ciencias do Patrimonio Cultural do CSIC quedará vinculado a este espazo de gran valor medioambiental, asociado ao cauce fluvial do río Sar, que acolleu ao longo da súa historia diferentes usos produtivos e tamén simbólicos, xa que nel se ergue a colexiata de Santa María de Sar, xoia do románico do século XII.

O Consorcio de Santiago dá un paso máis para garantir a protección desta zona, de alto interese paisaxístico e cultural e que se converterá no maior parque de Santiago. Neste sentido, o ente interadministrativo está redactando o Plan Especial de Ordenación, Protección, Mellora Medioambiental e acondicionamento das Brañas do Sar.

O Plan Especial contempla a regulación dos usos públicos do parque, como a creación de percorridos peonís e de servizo, así como o acondicionamento da vexetación e a preservación das características ambientais do contorno, con especial atención á preservación das canles públicas e a conservación das brañas e das áreas inundables. O Plan tamén valora o conxunto de elementos de interese arquitectónico, etnográfico e natural asociados á zona, tales como cómaros, pontellas, pontes e árbores de interese.

Compartir: