MEDIO AMBIENTE

Unha colección de guías de bolso divulgarán os valores dos parques e xardíns de Santiago

23/09/2009 Os parques e xardíns de Compostela contan xa cunha nova ferramenta divulgativa e informativa que axudará a que toda a cidadanía coñecelos en maior profundidade poda valoralos mellor. Tratase dunha serie de pequenas guías dos parques que foi presentada, na Granxa do Xesto, pola concelleira do Medio Ambiente de Santiago, Elvira Cienfuegos.

A concelleira mostrou os dous primeiros volumes desta colección, que están dedicados á propia Granxa do Xesto e ao Parque do Monte da Almáciga. Acompañando a Elvira Cienfuegos estiveron tamén na presentación o director da Estación de Hidrobioloxía "Encoro do Con", Fernando Cobo; e o director xeral de Conservación da Natureza da Consellaría do Medio Rural, Ricardo García-Borregón, institucións que colaboraron na elaboración e financiación destes dous primeiros volumes.

Santiago conta cunha ampla superficie de zonas verdes equilibradamente distribuídas e variadas nas súas características e equipamentos. Parques e xardíns que agochan unha gran diversidade de flora e fauna, que cómpre pór en valor. Estas novas guías, de pequeno tamaño (15x10, entre 20 e 30 páxinas) conformarán unha colección de publicacións que recollerán a historia do espazo, as características que o definen, os equipamentos con que contan, e puntos de interese que se poden coñecer nun paseo polo parque.

Elvira Cienfuegos indicou que "non son exhaustivos e sen dúbida quedan moitas cousas por sinalar; pero permiten unha aproximación diferente co apoio dunha pequena guía de peto que sen dúbida servirá para lembrar cousas, para aprender outras, e tamén para descubrir as que non están. Con ter moitas zonas verdes, Santiago conta con pouco traballos feitos sobre os parques e esta colección será unha base sobre a que ir progresando. Coñecer para valorar: velaí o que nos move".

Pola súa parte García Borregon quixo manifestar "a importancia que para a Dirección Xeral de Conservación da Natureza teñen este tivo de iniciativas, enmarcadas dentro da necesidade da divulgación e posta en valor da riqueza natural galega, un traballo imprescindible para poder concienciar mellor a toda a cidadanía do importante patrimonio natural que temos"

Granxa do Xesto e Monte da Almáciga
O primeiro volume está dedicado á Granxa do Xesto, unha zona de 82.000 metros cadrados na aba da Monte Pedroso e que foi deseñado como parque periurbano na transición entre o que pode ser un parque convencional e un monte mixto. Conta cun edificio con aseos e cafetería, con mesas e bancos para merenda, con camiños peonís e ciclables, con equipamento para o exercicio físico e cunha área de xogos infantís.

Neste parque conserváronse exemplares existentes, antes da súa construción, e engadíronse outros que hoxe conforman pequenos grupos de castiñeiros, de carballos, de bidueiros, de piñeiros. Salpicados polo parque hai unha gran variedade de arbustos: xestas, queiroas, pero tamén rosa silvestre, espiño, érbedo, abeleira,... Mais o que fai realmente singular á Granxa do Xesto é a presenza de pequenas lagoas artificiais que no curso destes anos se foron naturalizando e incorporando plantas e animais propias destes medio, o que lles confire un singular valor, tal como sinalaron desde a Estación Hidrobiolóxica do Con ( USC).

O parque do Monte da Almáciga é un parque relativamente xoven conformado nos anos 90 sobre o monte do mesmo nome aproveitando a topografía do monte, sendo moi interesante a perspectiva da cidade que desde a súa cima se pode observar. Na guía cítanse algunhas especies vexetais como as moreiras, das que hai no parque fermosos exemplares, outras árbores como a magnolia, o piñeiro de Oregón, ou o cedro do Himalaia. Tamén se menciona o estanque con diferentes especies de plantas que gustan da humidade, a escultura de Silverio Rivas, e inclúe unhas notas sobre a batalla da Almáciga.

Estas novas publicacións constitúen unha aportación ás diferentes accións de dinamización e divulgación dos parques e xardíns (paneis informativos, visitas guiadas).

Compartir: