INFRAESTRUTURAS E CIRCULACIÓN VIARIA

A bo ritmo as obras de pilotaxe do túnel do Hórreo

23/09/2009 As obras do túnel do Hórreo obrigan a novos cortes temporais do tráfico ata en tres rúas da zona: Romero Donallo, Antón Fraguas e Santiago León de Caracas. Trátase neste caso de obras na rede de abastecemento e do proceso de pilotaxe.

A primeira das restricións terá lugar na rúa Romero Donallo dende as 22:00 horas do xoves 24 ás 6.00 horas do venres 25. Estas obras nocturnas na rede de subministro de auga provocará que durante estas oito horas haxa unicamente un carril en cada sentido.

O segundo corte afectará ao vieiro Antón Fraguas e á propia glorieta de Pontepedriña entre o venres 25 e o sábado 26. Neste caso acometeranse obras de demolición da mediana, de tal xeito que haberá unicamente un carril de saída (dirección Conxo) e dous de entrada. A previsión é que se poda restablecer o número de carrís habituais a partir do domingo 27.

A intervención sobre o muro guía e a reposición de servizos obrigarán a cortar o tráfico na rúa Santiago León de Caracas entre o luns 28 de setembro e o mércores 30 de setembro. Por este motivo, a parada de autobuses a carón do ambulatorio Concepción Arenal situarase na rúa da Rosa. Os autobuses baixarán neste caso por Fernando III O Santo. Os residentes e as ambulancias poderán acceder e saír da rúa no sentido habitual.

O concelleiro de Infraestruturas, Bernardino Rama, explicou estas restricións de tráfico acompañado do xefe da Policía Local, Norberto Villaverde, e de técnicos da UTE encargada das obras do Hórreo. Indicou que as obras de pilotaxe "van francamente ben, sen ningún retraso", polo que se mantén a previsión de acabar esta fase de pilotaxe a mediados de 2010 e a totalidade da obra a finais deste ano.

Alternativas de tráfico
Aproveitando esta comparecencia, o responsable da Policía Local insistiu na recomendación aos condutores do uso da rúa Clara Campoamor (vieiro Sar-Pontepedriña) para ir dende a zona do Paxonal á avenida de Lugo. Na súa opinión, este vieiro ten máis capacidade de absorción de tráfico da que realmente se está utilizando. Recordou que antes da redución a dous carrís da rúa do Hórreo, pasaban por esta zona uns 35.000 vehículos ao día.

Compartir: