CULTURA

Camilla Tilling e Roger Vignoles dedican o segundo concerto do X do Ciclo de Lied a Schumann e Strauss

21/09/2009 Tras o éxito do concerto inaugural, o martes 22, ás 21:00 horas, celébrase no Teatro Principal de Santiago o segundo concerto da X edición do Ciclo de Lied, organizado pola Concellaría de Cultura e a Asociación Galega da Lírica. Protagonista deste concerto é a soprano sueca Camilla Tilling, unha cantante de renome e ascendente carreira que causou unha inmellorable impresión na súa primeira actuación en Santiago de Compostela hai cinco anos, na quinta edición deste ciclo.

Tilling confirmouse como un dos valores máis sólidos das novas xeracións de cantantes. Naceu en Linkoping (Suecia), estudou na Universidade en Gotemburgo, licenciouse hai dez anos no Royal College of Music de Londres, e inmediatamente comezou unha exitosa carreira operística internacional que a levou aos máis prestixiosos teatros (Nova York, Londres, Bruxelas, Glyndebourne, Aix-en-Provence, Scala de Milán, Chicago, San Francisco, Múnic, París, Salzburgo, Viena, Berlín, Toquio, etc.) a carón de directores da talla de Pappano, Minkowski, Gardiner, Christie, Harding, Davis, Gatti, Cambreling, Herreweghe, Salonen, Munti, Ozawa, Masur, Rattle, Metzmacher, Bychkov, etc.

Camilla Tilling e Roger Vignoles interpretarán un variado programa que inclúe dúas cancións de Schubert, o atraínte ciclo Liederkreis op. 39 de Robert Schumann e unha coidada e interesante selección dunha das especialidades de Camilla Tilling, os lieder de Richard Strauss. Recentemente, Camilla Tilling publicou na discográfica escandinava BIS o seu primeiro recital como solista, precisamente dedicado ás cancións de Strauss e que tivo unha magnífica acollida da crítica especializada. As entradas poden adquirirse a 6 euros no Servizo de Venda de Entradas de Caixa Galicia (teléfono 902434443 e www.caixagalicia.es) e, o mesmo día do concerto, na taquilla do Teatro Principal.

Este ciclo consta de catro concertos que como cada ano terán lugar no Teatro Principal compostelán. "O círculo máxico dos mestres do lied" é o título desta especial edición na que se cumple o décimo aniversario deste pequeno milagre musical compostelán, o Ciclo de Lied de Santiago, no que a música é a auténtica e única protagonista e que atesoura xa unha rica historia. O Ciclo de Lied de Santiago caracterízase dende o seu nacemento pola orixinalidade á hora de presentar cada ano unha visión diferente deste escasamente difundido xénero musical.

Baixo o título "O círculo máxico dos mestres do lied" poderán escoitarse cancións dos autores máis transcendentais da historia do lied: grandes mestres como Robert Schumann, Franz Schubert e Hugo Wolf protagonizan unha selección na que Roger Vignoles (espléndido pianista inglés que é protagonista de excepción deste certame dende a súa creación) quere compartir co público compostelán moitas das súas obras favoritas e que inclúe algúns dos ciclos e cancións máis coñecidas e emblemáticas dos seus autores e do xénero. Roger Vignoles é a alma artística do ciclo, como codirector e como pianista nos catro concertos que cada ano configuran a programación. Este ano presentamos de novo un magnífico plantel de cantantes especialistas no xénero do lied e de recoñecido prestixio internacional e no próximo concerto debutará en Santiago o tenor alemán Werner Güra (martes 29 de setembro).

Compartir: