CIDADE HISTÓRICA

"A Cerca da Cidade" fai un percorrido didáctico polos principais puntos da muralla medieval de Compostela do século XI

21/09/2009 A concelleira de Rehabilitación e Cidade Histórica, Olga Pedreira, presentou a publicación A Cerca da Cidade, que resume, de xeito sinxelo e didáctico, os resultados do traballo realizado ata o de agora dentro do Estudio e restauración da muralla medieval da cidade promovido e iniciado pola OCiHR en 2008. O estudio pretende, a medio e longo prazo, recuperar a muralla medieval (tanto a súa historia como as estruturas que aínda se conservan) para reintegrala na memoria e na paisaxe histórica da cidade.

Pedreira, que presentou a publicación acompañada da arqueóloga municipal, Dolores Cerqueiro Landín, quixo remarcar "o enorme agradecemento a todos os habitantes da Cidade Histórica que colaboran con nós" xa que, sen eles, subliñou, "non sería posible este traballo". E quixo agradecer dun modo especial aos donos do número 18 da rúa Entremuros pola súa colaboración e dispoñibilidade absoluta.

Esta muralla sobre a que se está traballando é a segunda que tivo a cidade e foi construída a mediados do século XI. A muralla, de case 2 quilómetros de lonxitude, delimitaba un perímetro de forma arriñonada e cunha superficie interior de, aproximadamente, 30 hectáreas. A pesares da súa progresiva e case total destrución ao longo dos séculos, o seu trazado segue organizando e debuxando a cidade. Salvo en sectores moi concretos, os edificios e espazos públicos non desfiguran o contorno arriñonado da cerca.

Hoxe, ao igual que nos últimos dez séculos, a liña da cerca segue a debuxar unha nítida fronteira: cara ao interior, mantén pechada a cidade mais antiga, nobre e monumental; cara ao exterior, o terreo baleiro do antigo foxo foi substituído por un cinto de estradas, rúas e camiños que rodean e subliñan a cidade intramuros case por completo. Mais alá deste cinto, mantense perfectamente a rede de camiños que, dende as sete portas da cidade, comunicaban Compostela co resto da Península. Apoiados nestas antigas vías de entrada e saída, levántanse os barrios históricos, extramuros. Ademais do seu trazado, consérvanse outros restos e evidencias na cidade: os espazos das antigas portas e postigos, os topónimos, os espazos do pomerio, etc...

Este foi o punto de partida do Estudio e restauración da muralla medieval da cidade, promovido e iniciado pola Oficina da Cidade Histórica e Rehabilitación en 2008. No marco deste proxecto, e coa subvención do Ministerio de Cultura para proxectos de conservación, protección e difusión de Bens declarados Patrimonio Mundial. Ano 2008, nos últimos meses realizáronse os seguintes traballos: limpeza e consolidación do lenzo de muralla descuberto en Entremuros, nº 18; recompilación e análise da documentación antiga municipal depositada no Arquivo Histórico Universitario e documentación gráfica diversa: mapas históricos, fotografía antiga, planos parcelarios...; e elaboración dunha primeira guía e ruta didáctica que descubra aos cidadáns a cerca da cidade, tanto os restos materiais que se conservan como a súa impronta que, aínda que intanxible, segue moi presente na fisionomía actual do Conxunto Histórico.

A consolidación do treito de muralla recuperado no inmoble nº 18 da rúa de Entremuros xa está rematada e, polo tanto, perfectamente visible na rúa. O baleirado documental formalízase nunha memoria técnica que reúne centos de documentos históricos, hipóteses, análises arqueolóxicas, etc. A pesares da magnitude e exhaustividade do traballo realizado, esta Memoria Técnica debe entenderse só como parcial e preliminar. E, nesta ocasión, presentouse ese terceiro punto: a publicación A Cerca da Cidade. En primeiro lugar, o libriño conta a historia da cerca da cidade, respondendo ás preguntas de cándo, cómo, para qué e por qué unha muralla en Santiago. Por outra banda, o libro guiará aos interesados no seu percorrido, mostrando no só os treitos conservados (e recoñecidos polo de agora) senón tamén os que foron demolidos ao longo dos séculos.

Co fin de facilitar o percorrido, visualización e lectura destes restos, colocaranse en 16 diferentes puntos da cidade, empotradas no pavimento, unhas pequenas sinais ou marcas. O material elixido para a fabricación das placas é a pirolava. Este material, pola súa resistencia e dureza, e de uso frecuente nas sinalizacións e soportes expositivos exteriores. A súa maleabilidade permite, non obstante, traballar este material en tamaños diferentes, con grabados, debuxo, etc.... Polo seu tamaño (apenas 10 cm) e deseño, na práctica, estas marcas só serán visibles e comprensibles para aqueles viandantes que, coa guía na man, se decidan a percorrer a cidade.

Compartir: