MOBILIDADE

A zona sur contará cun aparcadoiro de borde para 400 prazas en Santa Marta

18/09/2009 O alcalde compostelán, Xosé A. Sánchez Bugallo, anunciou que a Sociedade Municipal de Xestión do Transporte Urbano (TUSSA) farase cargo dunha parcela en Santa Marta para convertela nun aparcadoiro de borde. Así se informou esta mañá ao Consello de Administración da entidade, que xestionará unha bolsa de estacionamento moi ben comunicada e atendida por catro liñas do transporte urbano.

Co fin de convertela nun aparcadoiro de bordo, acondicionarase unha parcela de 12.000 metros cadrados, propiedade do Concello, en Santa Marta. Esta superficie está conectada con tres rúas: Feliciano Barrera Fernández, Julia Minguillón As Trece Rosas. Contará con máis de 400 prazas e estímase unha entrada de aproximadamente 99.200 vehículos ao ano.

O seu acceso dende a N-550 e a estrada de Noia, sen ter que entrar no centro da cidade, contribuirá a diminuír a saturación de tráfico. Ademais, cómpre indicar que esta parcela está a 1,2 quilómetros da rúa Romero Donallo, polo que en 15 minutos calquera persoa podería acceder ao centro da cidade a pé.

Pero para garantir o éxito desta bolsa de estacionamento faise preciso o funcionamento dun transporte público eficaz. Por iso, a este aparcadoiro daranlle servizo ata catro liñas do transporte urbano: liña 1 (polígono do Tambre – Hospital Clínico), liña 2 (estación de autobuses – Rocha Vella), liña C2 (estación de autobuses – Fontiñas – hospitais – Vite – estación de autobuses) e liña C4 (estación de autobuses – Vite – hospitais – Fontiñas – estación de autobuses). Asegúrase así unha ampla frecuencia e as relacións de mobilidade directas con hospitais, centros educativos e administrativos e centro da cidade.

Este aparcadoiro vixiado funcionará dende as 7:30 ás 22:30 horas, de luns a venres laborables, e os sábados laborables dende as 7:30 ás 14:30 horas. Por unha tarifa xeral de 1,50 euros, o usuario poderá deixar o vehículo durante toda a xornada. Non obstante, TUSSA establecerá políticas de fidelización que permitirán custos por debaixo desta tarifa. Instalarase unha caseta e o acceso dos vehículos estará regulado por unha barreira automática. O investimento estimado roldará os 200.00 euros.

TUSSA solicitará formalmente a encomenda da xestión sobre esta parcela de titularidade municipal por un período de catro anos, con posibilidade de prórrogas anuais, así como a aprobación da tarifa correspondente.

Estacionamentos en San Lázaro e Salgueiriños
Por outra parte, no Consello de Administración falouse tamén dos estacionamentos na zona norte da cidade, onde xa se conta co aparcadoiro do estadio de San Lázaro. TUSSA pretende acometer a sinalización e publicidade do devandito aparcadoiro por toda a cidade, dotando ao mesmo dun servizo de autobús lanzadeira que cubriría as necesidades de mobilidade dos usuarios.

En canto ao estacionamento de Salgueiriños, agardarase a que estean rematados os traballos de planificación cara o Ano Xacobeo 2010 para tomar unha decisión definitiva. Cómpre recordar que en 2004 esta superficie funcionara como aparcadoiro complementario tanto para autobuses como vehículo privado. Iso si, agora hai que ter en conta a non dispoñibilidade dos xoves polo mercado.

Descontos para residentes en Belvís e Xoán XXIII
Noutra orde de cousas, acordouse que as persoas que paguen o imposto de circulación do seu vehículo en Santiago poderán ter un desconto do 25% nos aparcadoiros de Belvís e Xoán XXIII, que será aplicable nas tarxetas prepago de ambos estacionamentos. Este desconto será do 50% para os usuarios que se atopen no paro.

Para poder acceder a este desconto, o usuario deberá acreditarse mediante o documento de pago do imposto municipal. No caso dos desempregados, terá que presentarse tamén a tarxeta do paro.

Compartir: