PROMOCIÓN ECONÓMICA

Promoción Económica e Caixa Galicia ofrecen formación e asesoramento a emprendedores

18/09/2009 Abriuse o prazo de inscrición para a segunda edición do curso gratuíto Como elaborar un plan de empresa para solicitar un microcrédito. Esta acción formativa enmárcase no programa de fomento do emprendemento Compostela Activa, que depende do Servizo de Apoio á Empresa que ofrece Promoción Económica.

O concelleiro de Promoción Económica, Emprego, Comercio e Turismo, Xosé Manuel Iglesias, e o xestor de microcréditos e programas de inclusión social da Obra Social de Caixa Galicia, Xosé Luís Liñares Barbeito, presentaron este curso, dirixido a persoas emprendedoras cunha idea de negocio que necesiten financiamento. Contará con contidos prácticos relacionados coa creación de empresas, e será impartido por especialistas na materia.

As persoas que participen no curso e que teñan unha idea empresarial, poderán recibir asesoramento personalizado para elaborar o seu Plan de Empresa e estudar a viabilidade do seu proxecto. Ao finalizar a elaboración do Plan de Empresa poderán presentar a súa solicitude de microcrédito diante de Caixa Galicia.

Os microcréditos Caixa Galicia están dirixidos a persoas con dificultades de acceso ao financiamento bancario por insuficiencia de garantías ou de avais. Pódese solicitar ata un importe máximo de 25.000 euros, cun tipo de xuro do 4% fixo e 5 anos de amortización con 6 meses de carencia opcionais.

A Obra Social Caixa Galicia destinou 1,2 millóns de euros ao seu programa de microcréditos co que conseguiu crear 108 empresas e xerar 131 empregos. Caixa Galicia realizou, ata o momento, cursos de formación nos que 140 persoas aprenderon a elaborar un plan de empresa para solicitar un microcrédito. O 55% dos inscritos finalizou o curso cun plan de viabilidade totalmente elaborado.

Ata o 2 de outubro
O prazo de inscrición na segunda edición do curso Como elaborar un plan de empresa para solicitar un microcrédito, do que se editaron 250 carteis informativos que se colocaron en distintas entidades e zonas de Santiago, remata o 2 de outubro.

As persoas interesadas poden inscribirse directamente a través da páxina web da Concellaría de Promoción Económica, www.maiscompostela.org, ou ben poden cubrir un formulario de solicitude e entregalo en calquera dos rexistros cos que conta o Concello de Santiago. Este formulario pódeno solicitar no mesmo rexistro, nas oficinas de Promoción Económica, ou baixalo da súa páxina web.

O curso conta con 15 prazas e ten unha duración de 16 horas. Impartirase durante os xoves do mes de outubro, os días 8, 15, 22 e 29 no Centro de Formación que Promoción Económica ten na rúa de Pérez Constanti, número 4.

As persoas interesadas poden obter máis información en:

A través de internet nas páxinas web:www.maiscompostela.org, e http://microcreditos.caixagalicia.es.

Nas oficinas da Concellaría de Promoción Económica. Horario: de 9:00 a 14:00 horas.
• Porta 9 do Estadio de San Lázaro. Avenida de Fernando Casas Novoa, número 20. Tel. 981 542 493
• Rúa do Hórreo, número 100. Tel: 981 568 752

No teléfono de información de Obra social Caixa Galicia (gratuíto): 900 701 086

Compartir: