CONSORCIO

Concerto da Real Filharmonía de Galicia na Catedral de Santiago

17/09/2009 A Catedral de Santiago será de novo escenario para a presentación da Real Filharmonía de Galicia ante o seu público con motivo do inicio da súa temporada de concertos 2009-2010.

Nesta ocasión a orquestra actuará acompañada do Coro de Cámara de Bologna, todo baixo a batuta do compostelán Maximino Zumalave. Como solistas tamén estarán a soprano Anna Chierichetti, a mezzosoprano Anna Radziejewska, o tenor Marcus Brutscher e o barítono Enric Martínez-Castignani. O concerto comezará ás 21:30h.

O programa será un monográfico de música sacra, concibida para un templo das dimensións da basílica xacobea: a Misa número 5 de Schubert, unha das mellores obras sinfónico-corais do compositor alemán. Antes, como inicio do concerto, a orquestra interpretará o Canto a Santiago, do que fora mestre de capela da Catedral Mariano Pérez Gutiérrez. Composto en 1964, pouco despois do seu nomeamento como mestre de capela, a composición é un himno de loanza ao Apóstolo tomado dunha antífona das vésperas a Santiago. Foi estreado durante unha misa presidida polo arcebispo e cardeal Quiroga Palacios, a quen está dedicada a obra.

As notas ao programa editadas para a ocasión foron escritas polo padre Jesús López Calo, eminente académico, estudoso e profesor de música. Nelas descobre unha curiosidade: o propio Maximino Zumalave, que dirixirá o concerto, estivo presente na estrea do Canto a Santiago, pero como membro do coro Anxos de Compostela, formación vocal recuperada precisamente neste último ano. O programa de man pódese descargar con antelación a través da web do Auditorio de Galicia (www.auditoriodegalicia.org).

Entradas
O Concerto da Real Filharmonía na Catedral é gratuíto, pero para acceder a el é preciso retirar previamente a invitación no despacho de billetes do Teatro Principal (rúa Nova, 21) os días 17 e 18 de setembro, de 12:00 a 14:00 e de 17:00 a 20:00 horas.

Venda e renovación de abonos
O concerto da Catedral supón o inicio da temporada de concertos da Real Filharmonía de Galicia no Auditorio de Galicia. Serán nove meses durante os que chegarán a Santiago os mellores solistas e directores do panorama. Antoni Ros Marbà continúa como director titular e artístico, Maximino Zumalave como director asociado e Paul Daniel como principal director invitado.

Como é habitual o Auditorio de Galicia pon a disposición do público catro modalidades de abono para acceder a todos estes concertos, o que supón un aforro de ata o 25% (Abono A, 30 concertos: 232,50 euros; Abono B, 8 concertos: 74,80 euros; Abono C, 14 concertos: 122,40 euros; Abono D, 7 concertos: 78 euros). Ademais mantense o abono especial para estudantes e xubilados, que supón un aforro do 50%. Tamén se mantén a modalidade de abono colectivo para asociacións culturais e veciñais, escolas de música públicas e centros educativos públicos. Este abono colectivo contén 4 entradas para cada concerto e costa 155 euros.

O abonos para toda a temporada poden adquirirse os días 28, 29 e 30 de setembro e 1 e 2 de outubro, no despacho de billetes do Auditorio de Galicia (avenida Burgo das Nacións, s/n, Santiago de Compostela).

Compartir: