ALCALDÍA

Sánchez Bugallo sinala que o Comité de Desenvolvemento de Rutas Aéreas "canalizará os esforzos para impulsar o sistema aeroportuario"

16/09/2009 O alcalde, Xosé A. Sánchez Bugallo amosou a súa satisfacción a respecto do compromiso anunciado polo ministro de Fomento, José Blanco, de constituír o Comité de Desenvolvemento de Rutas Aéreas para Galicia co obxectivo de impulsar novas rutas nos tres aeroportos galegos.

O obxectivo deste órgano, explicou, non é outro que "coordinar e impulsar a utilización dos diferentes aeroportos que dependen de Aena". O alcalde sinalou que a creación do Comité "posibilitará aunar esforzos e poñer en marcha estratexias conxuntas", e nel participarán, previsiblemente, "o Concello, a Cámara de Comercio, a Comunidade Autónoma, Aena e o Ministerio de Fomento". Aínda que, na súa opinión, é pronto "para anticipar resultados, todo o que implique dar ao transporte aéreo a importancia que lle corresponde", así como mellorar a oferta "debemos velo como positivo".

O alcalde fixo fincapé en que a creación deste órgano "non é contraditorio senón complementario co esforzo que estamos a facer" e confía na "percepción máis clara da importancia do tema que nos ocupa" por parte da Xunta. No caso de Santiago, é probable que esta fin de semana se constitúa o comité de seguimento aeroportuario, anunciou.

As cidades e a Comunidade Autónoma terán ao fin "un órgano de posta en común que canalice os esforzos de todos para impulsar o sistema aeroportuario galego", declarou o alcalde. Aínda que, a nivel de visitas, en Santiago "estamos moi satisfeitos polos resultados extraordinarios en xullo e agosto", Bugallo considera que "ou aunamos esforzos ou é difícil que poidamos soster o ritmo". Doutra banda, os aeroportos galegos "teñen que ser unha prioridade para o Estado, que inviste máis de 400 millóns de euros nas melloras dos tres"
-200 dos cales son para o aeroporto de Lavacolla-, polo que "sería un erro monumental prescindir destas infraestruturas, non utilizalas a tope e que a vía de entrada aérea de Galicia estea fóra de Galicia".

Compartir: