DEPORTES

Os XII Xogos Autonómicos de Atletismo Special Olympics Galicia reunirán 253 atletas en Santiago

16/09/2009 Un total de 20 asociacións de toda Galicia desprazarán ata Santiago 253 atletas e 68 adestradores para participar nos XII Xogos Autonómicos de Atletismo. Celebraranse o sábado 19 de setembro nas instalacións de atletismo do Club Deportivo Universitario, no Campus Sur.

O concelleiro de Deportes, Bernardino Rama, presentou estes Xogos, que contan con distintos niveis de participación para que todos os deportistas poidan participar en igualdade de condicións. Existirán tres niveis: nivel I (alto), nivel II (medio) e nivel III (básico).

Este campionato segue o cerimonial das celebracións das Olimpíadas. Os deportistas das 20 asociacións participantes desfilarán ante os presentes. Posteriormente, un deportista da Asociación ASPAS lerá o lema dos deportistas de Special Olympics: "Quero gañar, máis se non o consigo,
deixádeme ser valente no intento". Unha vez finalizado o desfile procederase á inauguración oficial dos Xogos arredor das 10.45 horas.

O Campionato de Atletismo de Santiago de Compostela reunirá na capital galega a un total de 391 persoas entre atletas, adestradores, voluntarios e integrantes da organización. Son 20 as asociacións participantes, das cales un 6 proveñen da provincia de Lugo, 5 de Pontevedra, 6 da Coruña e 3 de Ourense. Os atletas da provincia de A Coruña son 61, procedentes de localidades como A Coruña, Cee, Santiago, Cedeira e Ribeira. A asociación anfitrioa, ASPAS, participa con 8 atletas.

O concelleiro estivo acompañado nesta presentación por Eladio Fernández, presidente de Special Olympics Galicia; Marcelo de la Cruz, presidente da Asociación Aspas; Javier García, xerente da Asociación Aspas; e Mariano García-Verdugo, director da Área de Deportes da USC.

Proba de bicicleta de montaña no Monte Pedroso
Bernardino Rama presentou tamén o 3º Gran Premio Santiago DH de descenso en bicicleta de montaña. A proba celebrarase no Monte Pedroso o domingo 20, cunha primeira manga ás 10:30 e unha segunda ás 12:30 horas.

O concelleiro estivo acompañado por Manuel Paz Noya, corredor federado e relacións externas do Club Ciclista Santiago DH, organizador da proba, e Kurro García, corredor e vogal do mencionado club. Todos eles resaltaron o carácter espectacular desta proba, cun percorrido con diversos tramos e saltos que os aspirantes á vitoria terán que baixar a gran velocidade. Ademais, é unha boa oportunidade para descubrir dunha paraxe coma o Monte Pedroso.

Compartir: