CULTURA

A cantante Ute Lemper acompañará á Real Filharmonía na celebración do XX aniversario do Auditorio de Galicia

16/09/2009 Tras meses de preparación, a Real Filharmonía presenta os seus concertos para a temporada 2009/2010, que arrinca cun concerto gratuíto na Catedral de Santiago. Será o 18 de setembro, con Maximino Zumalave á batuta e incluirá a Misa núm. 5 de Schubert e a peza Canto a Santiago, de Mariano Pérez. Antoni Ros Marbà continúa á fronte da orquestra compostelá como o seu director artístico e titular, e o británico Paul Daniel como principal director invitado.

Un total de 30 concertos conforman a programación musical do Auditorio de Galicia, que precisamente este ano celebra o 20 aniversario da súa existencia. Polo seu escenario pasarán varios dos mellores solistas nacionais e internacionais, así como as orquestras Nacional do Porto, Sinfónica do Principado de Asturias, Sinfónica de Galicia ou Sinfónica de Castela e León, como orquestras invitadas. O calendario de actividades foi presentado en rolda de prensa concelleira de Cultura, Socorro García Conde; o xerente do Consorcio de Santiago, Xosé Manuel Villanueva; o director-xerente do Auditorio, Paulo Rodríguez; e o director técnico da Real Filharmonía de Galicia, Oriol Roch.

A temporada de abono complétase coa segunda edición do Ciclo de Piano Ángel Brage, que nesta ocasión estará composto polos recitais de Christian Zimmerman, Tzimon Barto e Alexander Ghindin.

Ademais, do mesmo xeito que en edicións anteriores, o compromiso con Galicia da Real Filharmonía plasmarase en diferentes concertos e actividades didácticas noutras cidades da Comunidade, como Ferrol, Ourense, Pontevedra e Vigo.

Máis aló de Galicia, a orquestra ten previsto visitar Madrid en decembro onde, baixo a batuta de Ros Marbà, ofrecerá un concerto no Auditorio Nacional dentro do ciclo Orquestras e Solistas do Mundo, de Ibermúsica. En xaneiro será o Auditorio Príncipe Felipe de Oviedo o que reciba á Real Filharmonía, dirixida por Christoph König, dentro da tempada da OSPA (será a única orquestra invitada á temporada de concertos da orquestra asturiana), e xa en marzo visitará o Palacio Euskalduna de Bilbao, cun programa dedicado a Schumann.

Esta temporada continúa tamén a relación entre a orquestra compostelá e a Orquestra Nacional de Porto, iniciada na anterior temporada coa visita da Real Filharmonía á Casa da Música da cidade portuguesa, converténdose na primeira orquestra española en actuar no devandito espazo. En outubro será a orquestra portuguesa, dirixida por Peter Rundel, a que visitará o Auditorio de Galicia, mentres que os composteláns, baixo a dirección do afamado Yakov Kreizberg, serán recibidos en febreiro de 2010 por segunda vez no auditorio portugués.

Destacados solistas
A temporada segue o mesmo esquema das anteriores, co que, ademais do concerto de inauguración na catedral compostelá, o público gozará cos tradicionais concertos de Reis e Nadal. Neste último, que terá lugar o venres 18 de decembro, a Real Filharmonía interpretará unha selección de cantatas do Oratorio de Nadal, de Bach, acompañada do Coro Nacional de España.

Ademais, polo Auditorio de Galicia pasará un selecto grupo de directores e solistas, entre os que destacan as batutas internacionais de Yakov Kreizberg, Christoph König, Manuel Hernández Silva, Michal Nesterowicz e Frans Brüggen, que por sexto ano consecutivo dirixirá á orquestra compostelá, así como as dos españois Salvador Mas e Cristóbal Halffter, que celebrará sobre o escenario do Auditorio o seu 80 aniversario. A eles sumaranse os violinistas Frank Peter Zimmermann e Benjamin Schmid, os cellistas Tim Hugh e Alban Gerhardt, o clarinetista Eric Hoeprich, o flautista Luis Julio Toro e os pianistas Elisso Virsaladze, Mihaela Ursuleasa, Colleen Lee, Dezsö Ranki, Jorge Federico Osorio, Iván Martín e Javier Perianes. No que a coros se refire, actuarán coa RFG o Coro de Cámara de Bologna, o Nacional de España, o Cor de Cambra do Palau e o coro de RTVE.

No plano vocal destaca a actuación de Elena Zhidkova e Robert Dean Smith, que interpretarán baixo a batuta de Paul Daniel A canción da terra, de Gustav Mahler, no ano que se celebra o 150 aniversario do seu nacemento. Será a versión para conxunto instrumental que fixo Schoenberg da obra mahleriana. En maio, a mezzosoprano Marisa Martins interpretará xunto á Real Fillharmonía e baixo a batuta de Ros Marbà as Cinco melodías sobre temas de Paul Valery, peza de Mompou que precisamente foi gravada por primeira vez a principios de 2009 no último traballo discográfico da RFG, editado por Warner.

XX Aniversario do Auditorio
O mes de outubro, o Auditorio de Galicia celebra o seu 20 Aniversario cun concerto no que a Real Filharmonía, dirixida por Paul Daniel, estará acompañada pola afamada soprano Ute Lemper e o coro Die Sinphoniker. O programa inclúe a estrea dunha obra composta polo mestre titular da RFG Ros Marbà con motivo da celebración que leva precisamente o título de Fanfarras para unha celebración.

O Auditorio de Galicia foi inaugurado en 1989 coa vontade de consolidar a oferta cultural da capital de Galicia. Moderno emblema da cidade, versátil e funcional, foi proxectado polos arquitectos Julio Cano Lasso e Diego Cano Pintos. Nestes 20 anos converteuse no centro por excelencia para a recepción das manifestacións culturais que xera a cidade e punto de referencia obrigada para a cultura musical e artística de Galicia. Dende 1996 é, ademais, a sede permanente da Real Filharmonía de Galicia.

Concertos didácticos e ensaios abertos
Como vén sendo habitual desde 1996, o Auditorio de Galicia programará sesións de concertos didácticos dirixidos a escolares galegos. Organizados a modo de sesións pedagóxicas, os programas adáptanse ás diferentes franxas de idade e promoven o coñecemento da música sinfónica entre os máis pequenos. Ademais pon a disposición dos centros escolares guías didácticas para traballar na aula previamente.

Nesta ocasión, o concerto pedagóxico da Real Filharmonía, os días 21, 22 e 23 de outubro, realizarase en colaboración con Monicreques de Kukas, e suporá a estrea de O Castelo da Rocha Vella, baseado nun conto de Luciano García Alén con música de Amador Santos Bartolomé. A obra tamén se ofrecerá nun concerto familiar.

Os didácticos continúan en novembro coa posta en escena da ópera de Rossini A Cincenta, nunha produción do Gran Teatre do Liceu, con Joan Font, de Els Comediants, como director de escena. Complétanse coa música de Ultreia, en xaneiro, o cine de Chaplin, con música en directo, en febreiro; o teatro de Artello, en marzo e a música do Coro da Rá, en abril.

Ademais, e continuando unha iniciativa xurdida o ano pasado, na presente temporada a orquestra continuará abrindo os seus ensaios ao público, para achegarlles o seu traballo cotián. En total serán sete os ensaios xerais doutros tantos concertos de abono os que serán accesibles gratuitamente para colectivos cidadáns de Santiago e público en xeral.

Música de cámara
Un ano máis a RFG, en colaboración co Vicerreitorado de Cultura da Universidade de Santiago, organizan a terceira edición do ciclo de música de cámara do curso universitario, entre outubro de 2009 e xuño de 2010. Este ano, os concertos serán no Paraninfo da Universidade.

Este ciclo pretende unir os conceptos de música e patrimonio e achegar a música de cámara ao corazón da cidade histórica de Compostela. O público poderá gozar da mellor música de cámara da man dos solistas da orquestra compostelá, que para a ocasión agrúpanse en diferentes formacións, ofrecendo un amplo repertorio camerístico, tanto de compositores clásicos como dos máis actuais.

Gravación de Ravel
Tras o lanzamento a anterior temporada dun CD con obras de Mompou e outro dedicado a Manuel de Falla, a Real Filharmonía volverá aos estudos de gravación baixo a batuta do mestre Ros Marbà para a elaboración dun disco con obras de Ravel, co acompañamento de Benjamin Schmidt ao violín.

Venda de abonos
Como todos os anos, o Auditorio de Galicia ofrece catro modalidades de abono para asistir aos diferentes concertos da temporada (Abono A, 30 concertos: 232,50 euros; Abono B, 8 concertos: 74,80 euros; Abono C, 14 concertos: 122,40 euros; Abono D, 7 concertos: 78 euros). Ademais mantense o abono especial para estudantes e xubilados, que supón un aforro do 50%. Tamén se mantén a modalidade de abono colectivo para asociacións culturais e veciñais, escolas de música públicas e centros educativos públicos. Este abono colectivo contén 4 entradas para cada concerto e costa 155 euros.

A renovación de abonos poderase realizar entre os días 22 e 25 de setembro. A venda de novos abonos será os días 28, 29 e 30 de setembro e 1 e 2 de outubro. Como novidade, este ano os programas de man de cada concerto poderanse consultar e descargar con antelación na web do Auditorio de Galicia.

Documentos relacionados



Compartir: