ALCALDÍA

Continúan os preparativos do Foro Mundial de Educación previsto para 2010

16/09/2009 O alcalde compostelán, Xosé A. Sánchez Bugallo, recibiu en Raxoi a Federico Mayor Zaragoza, presidente da Fundación Cultura de Paz e do comité organizador do Foro Mundial de Educación, que se celebrará en Santiago do 9 ao 13 de decembro de 2010. Na reunión tamén participou Manuel Dios, presidente do Seminario Galego de Educación para a Paz, a outra entidade promotora do evento.

Sánchez Bugallo, Mayor Zaragoza e Dios falaron dos preparativos deste Foro 2010, que conta co apoio do Concello de Santiago e que levará o título de "Educación, investigación e cultura de Paz". Mayor Zaragoza destacou a importancia deste evento e a acollida do mesmo por parte do Concello. Expresou o seu desexo de que ademais vaia acompañado de actividades culturais e musicas en prol dunha "paz sen fronteiras". Anunciou tamén que existe o compromiso dos tres grupos parlamentarios galegos en sacar adiante a Lei para o fomento da cultura da paz.

Pola súa parte, o alcalde comprometeu a colaboración do Concello neste Foro, que será "o mellor broche de ouro " para o Ano Santo, reivindicando o papel do Camiño no fomento da "cultura da convivencia". Ademais, resaltou o labor de Mayor Zaragoza nesa defensa "da cultura da paz e do respecto aos demais".

Con motivo deste Foro, en Santiago reuniranse tamén os membros do Grupo de Alto Nivel de Nacións Unidas sobre a Alianza de Civilizacións. Outras actividades previstas son unha reunión balance do Decenio da Cultura da Paz e a non violencia proclamado pola ONU (2001-2010) e dous congresos internacionais sobre "O dereito humano á paz" e "Información e dereitos humanos". É probable igualmente unha reunión da rede internacional de museos da paz, xunto con distintas actividades artísticas e culturais en relación coa paz e a non violencia.

Direcciones relacionadas



Compartir: