MEDIO AMBIENTE

20 parques de Compostela contarán desde hoxe con paneis informativos para que a cidadanía os coñeza máis e mellor

11/09/2009 Esta mañá a concelleira do Medio Ambiente e Desenvolvemento Sostíbel de Santiago, Elvira Cienfuegos, presentou os paneis informativos que a partires de hoxe haberá en 20 Espazos Verdes Urbanos de Compostela. A presentación fíxose no Parque de Ponte Mantible onde o panel xa estaba instalado e onde se puido apreciar unha mostra dos outros 19.

Estes paneis colocaranse nos expositores que hai xa situados nestes parques e que teñen dobre funcionalidade: por un lado, serven para recoller materiais residuais de pequeno tamaño e características especiais como pilas, teléfonos móbiles ou CD`s e, por outro, serven tamén para informar á cidadanía. Os paneis son xestionados a través dun convenio cunha empresa que se ocupa do seu mantemento e da publicidade que ocupa unha das caras, e a outra resérvase para información municipal, nomeadamente da área de medio ambiente e especialmente para parques. Ata o de agora utilizábase para información de actividades de carácter puntual, como Vive o verán ou o Festival dos Abrazos, ou para campañas medioambientais, como a desenvolvida co gallo da celebración do Día Mundial do Medio Ambiente. Seguiranse usando con esta finalidade, pero alternando con estes paneis que hoxe presentou a concelleira.

Os paneis constan dun plano da cidade coa sinalización de todos Espazos Verdes Urbanos e outro plano, xa concreto, do parque no que se ubica. Ademais, aparece unha ficha técnica na que se indica a superficie do parque, os paseos e as árbores en alcouve; o equipamento do que dispón; os valores culturais así coma os valores naturais, entre os que aparecen o número de árbores e arbustos, as diferentes especies existentes, etc… Os 20 Espazos Verdes Urbanos que contarán con este material son Salgueiriños, Ponte Mantible, Pablo Iglesias, Fermín Bouza Brei, Parque de Xixón, Parque da Música en Compostela, San Lázaro, Carlomagno, Parque Compostela, San Caetano, A Almáciga, Sar, Belvís, Eugenio Granell, Pasín, Volta do Castro, A Choupana, Avenida de Barcelona, Galeras e San Xoán de Vista Alegre.

Tal e como indicou a concelleira, Santiago, recoñecida pola Unesco como cidade patrimonio da Humanidade, non só é unha cidade de pedra e arte senón que é tamén unha cidade verde, cunha superficie de zonas verdes que a sitúa á cabeza das cidades galegas e entre as 6 mellor dotadas do Estado. Ademais, indicou Cienfuegos, as zonas verdes "están na cidade cunha distribución equilibrada, contan con diversidade de equipamentos para distintas actividades e cunha gran diversidade de especies arbóreas e arbustivas que contribúen a calidade ambiental e á calidade de vida na cidade". Cienfuegos tamén engadiu que "non se valora o que non se coñece" por iso, indicou, "con estes paneis informativos queremos contribuír a mellorar o coñecemento dos nosos parques, que ademais de servir para o encontro e o lecer, para as prácticas deportivas e para actividades culturais e científicas, son en si mesmas unha lección de botánica e de xardinería que tamén compre aproveitar".

A concelleira rematou a presentación dos paneis agradecendo a labor do persoal de Cespa pola súa implicación decidida na elaboración dos mesmos e convidando a toda a cidadanía a que se achegue aos planos antes de entrar nos parques xa que, segundo Cienfuegos, "Lembrarán cousas que xa sabían e aprenderán outras novas, o cal é sempre enriquecedor.

Compartir: