ALCALDÍA

O alcalde destaca a boa marcha da preparación do Xacobeo e anuncia que o 30 de setembro estará preparado o plan de seguridade do Ano Santo

11/09/2009 O rexedor compostelán, Xosé A. Sánchez Bugallo, refereriuse na súa comparecencia semanal ante os medios de comunicación, á boa marcha coa que está avanzando a programación e a preparación do Ano Santo de 2010. De feito, o vindeiro día 30 de setembro xa estará listo o plan de seguridade, de tráfico e de reforzo de limpeza.

Será ese último día de setembro cando se volva reunir a Comisión de Coordinación do Xacobeo formada por Xunta e Concello, xuntanza na que tamén participarán o Cabildo e representantes das forzas e corpos de Seguridade do Estado, que están traballando na preparación do devandito plan de seguridade co fin de presentalo nesta data. Tamén o 30 de setembro se traballará xa cunha proposta de tráfico e de reforzo de limpeza sobre a mesa.

O obxectivo é que en outubro estén ultimadas as liñas mestras do Xacobeo, entre elas a programación, na que deberá ter un papel principal, en opinición de Sánchez Bugallo, a Cidade da Cultura. Hoxe mesmo o alcalde reuníase co Conselleiro de Cultura, Roberto Varela, e coa nova xerente do Fundación Cidade da Cultura, Silvia Domínguez, a quen deu a benvida e garantiu o pleno apoio do Concello ao seu traballo. O rexedor compostelán salientou que concorda e apoia a decisión da Xunta de comezar a abrir algúns edificios da infraestrutura do Gaiás o ano que vén e de priorizar a urbanización e os accesos, aínda que tamén lle solicitou au titular de Cultura unha redefinición razoable dos prazos para que entre a funcionar por completo.

O alcalde quere que os turistas que veñan a Santiago o ano que vén se acheguen a unha Cidade da Cultura con actividade e que a perciban como un sitio de interese máis a visitar en Compostela. Sobre o turismo o alcalde fixo referencia aos datos de agosto; un "excelente resultado turístico", en verbas do rexidor, xa que se produciu un incemento de 15 puntos na taxa de ocupación. Bugallo vinculou este datos ao aeroporto e sinalou que Santiago segue a ser "a porta de entrada do turismo en Galicia". A próxima semana os membros do Consello Económico e Social pedirán unha reunión co presidente da Xunta e co conselleiro de Cultura para abordar a situación do aeródromo de Lavacolla na que o alcalde agarda "unha solución favorable porque Santiago está cumprindo un papel estratéxico para o conxunto de Galicia". Sánchez Bugallo xa sinalou que observa "unha sensibilidade crecente" co tema en Núñez Feijoo.

Modificación da Lei do Solo
Nesta comparecencia Sánchez Bugallo tamén amosou a súa satisfacción polo acordo acadado entre a Comisión Executiva da FEGAMP e a Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas sobre a modificación a Lei do Solo no ámbito rural. O texto foi xa informado favorablemente pola federación de municipios e o próximo xoves irá, previsiblemente, a Consello da Xunta. Unha vez satisfeito este requisito pasará a trámite parlamentario e podería estar aprobada, a devandita modificación, en 2012.

Este acordo permite facer efectivo o compromiso adquirido polo Concello co rural compostelán relativo á tramitar unha modificación do Plan Xeral de Santiago para esta zona ben catro anos despois da aprobación do documento urbanístico municipal por excelencia, ben dous anos despois da modificación da Lei do Solo.

Unha vez se aprobe a modificación, o Concello encargará un estudo para ver as consecuencias que se derivan nos 109 núcleos do rural de Santiago. A intención do primeiro edil é tramitar a modificación para aqueles núcleos que se vexan favorecidos e non facelo para os que poidan verse prexudicados. A semana que vén Sánchez Bugallo reunirase coas asociacións do rural co fin de explicarlles os cambios e as previsións.

Transporte Metropolitano
Na xornada de hoxe o alcalde reuníase tamén co director xeral de Mobilidade da Xunta, Miguel Fernández Bugarín, e con outros rexidores da mancomunidade para falar sobre o Transporte Metropolitano. A pesar do retraso na súa posta en marcha, o director xeral manifestoulles aos alcaldes a intención de que comece a funcionar en xuño do ano que vén e aceptou a proposta de crear unha comisión de seguimento. Sánchez Bugallo salientou a boa disposición da Xunta así como a necesidade de que se remate xa cun asunto que provoca cansanzo nos cidadáns e que preocupa a todos.

Compartir: