CULTURA

Florian Boesch e Roger Vignoles inauguran o décimo aniversario do Ciclo de Lied no Teatro Principal

10/09/2009 O venres 11 de xullo ás 21.00 h celébrase no Teatro Principal o concerto inaugural da X edición do Ciclo de Lied organizado pola Concellaría de Cultura, que dirixe Socorro García Conde, e a Asociación Galega de Lírica Teresa Berganza, coa colaboración da S.A. de Xestión do Plan Xacobeo.

O protagonista deste primeiro concerto é Florian Boesch, barítono austríaco especializado en Viena co prestixioso mestre Robert Holl que se presenta por primeira vez no Ciclo de Lied e que xa debutou en teatros e salas de concerto do nivel da Ópera de Zurich, Musikverein, Konzerthaus e Theater an der Wien de Viena, Concertgebouw de Ámsterdam, festivais de Salzburgo e Bregenz, Wigmore Hall de Londres, Bolshoi de Moscova, Palais des Beaux-Arts de Bruxelas, etc... Acompañado ao piano por Roger Vignoles, renderá unha especial homenaxe a Schubert e Schumann cun programa integramente formado por lieder baseados en poemas dun dos máis importantes autores románticos alemáns, Heinrich Heine. O concerto do barítono austríaco e do pianista inglés inclúe o fantástico Liederkreis op 24 de Robert Schumann e as seis cancións con texto de Heine do impactante Canto do cisne de Franz Schubert.

Este ciclo consta de catro concertos que como cada ano terán lugar no Teatro Principal compostelán. As entradas poden adquirirse a 6 euros no Servizo de Venda de Entradas de Caixa Galicia (teléfono 902434443 e www.caixagalicia.es) e, o mesmo día do concerto, na billeteira do Teatro Principal. "O círculo máxico dos mestres do lied" é o título desta especial edición na que se cumpre o décimo aniversario deste pequeno milagre musical compostelán, o Ciclo de Lied de Santiago, no que a música é a auténtica e única protagonista e que atesoura xa unha rica historia.

O Ciclo de Lied caracterízase, dende o seu nacemento, pola orixinalidade á hora de presentar cada ano unha visión diferente deste escasamente difundido xénero musical. Baixo o título "O círculo máxico dos mestres do lied" poderán escoitarse cancións dos autores máis transcendentais da historia do lied: grandes mestres como Robert Schumann, Franz Schubert e Hugo Wolf protagonizan unha selección na que Roger Vignoles (espléndido pianista inglés que é protagonista de excepción deste certame dende a súa creación) quere compartir co público compostelán moitas das súas obras favoritas e que inclúe algúns dos ciclos e cancións máis coñecidas e emblemáticas dos seus autores e do xénero. Vignoles é a alma artística do ciclo, como codirector e como pianista nos catro concertos que cada ano configuran a programación.

Este ano presentamos de novo un magnífico cartel de cantantes especialistas no xénero do lied e de recoñecido prestixio internacional e a seguinte en visitar Santiago é a soprano sueca Camilla Tilling, o vindeiro martes 22 de setembro.

Compartir: