ALCALDÍA

O Consello Económico e Social celebra unha reunión monográfica sobre a situación do aeroporto de Lavacolla

10/09/2009 O alcalde compostelán, Xosé A. Sánchez Bugallo, preside hoxe no Auditorio de Galicia unha sesión especial do Consello Económico e Social, na que se falará exclusivamente do aerodrómo compostelán de Lavacolla e o estado das negociacións coas compañías low cost.

Ante a preocupación dos sectores vinculados ao turismo da cidade polo futuro do aeroporto, o alcalde convocou unha reunión do Consello Econónomico e Social para abordar o tema e explicar o que se decidiu e tratou na reunión que o pasado día 3 de setembro mantiñan en Santiago representantes da Xunta cos concelleiros de Turismo das cidades de Compostela, Vigo e A Coruña.

Os empresarios xa manifestaran ao alcalde nun encontro celebrado o mércores 2 de setembro a súa enorme preocupación pola situación das negociacións coas compañías de baixo custo, xa que un mal resultado das mesmas, sinalaron, afectaría de forma moi directa a Santiago e á súa comarca.

Do Consello Económico e Social forman parte entidades como a Confederación de Empresarios de Galicia, a Cámara de Comercio, a Asociación de Empresarios do Polígono Industrial do Tambre, Acotés, Compostela Monumental, a Asociación de Empresarios de Hospedaxe e Restauración de Santigo, Xóvenes Agricultores, Comisións Labregas, Unións Agrarias, CC.OO de Santiago, CIG, UXT, ademais da Universidade de Santiago de Compostela e concelleiros dos tres grupos políticos con representación no Concello: dous do PP, dous do PSOE, e un do BNG.

Compartir: