OBRAS

Protección Civil terá nova sede preparada para atender as necesidades do Ano Santo neste mes

09/09/2009 O alcalde compostelán, Xosé A. Sánchez Bugallo, visitou as obras de acondicionamento que se están a executar nun local de San Lázaro co fin de destinalo ás novas dependencias da Protección Civil de Santiago. Esta obra, que estará rematada en 20 días, enmárcase nas realizadas ao abeiro do Fondo Estatal de Investimento Local.

O rexedor manifestou que estas obras permitirán que o servizo de Protección Civil conte cun lugar axeitado de traballo para antender as necesidades que xurdan durante o vindeiro Xacobeo. Neste ano, serán uns 60 os voluntarios os que ocupen as novas oficinas e se fagan cargo da atención a peregrinos e visitantes.

Os traballos consistiron na redistribución do espazo interior dun local sito no estadio compostelán de San Lázaro e contaron cun orzamento de licitación de 355.484,39 euros. O prazo para o seu remate fixouse incialmente en 5 meses, polo que estarán rematadas en neste mes de setembro.

A superficie total acondicionada comprende 402,30 metros cadrados, nos que se contruiron unha sala de comunicacións, outra de reunións, unha sala de prácticas, tres despachos, así como vestiarios e aseos tanto para homes como para mulleres. Tamén se habilitou un espazo para taller de reparacións.

A obra complétase coa correspondente instalación de fontanería, electricidade, calefacción, alumeado, ventilación, sinalización de emerxencias, extintores e detectores de presenza. O local contará con gas cidade.

Tan só falta o mobiliario, que ía correr por conta da anterior Xunta. O novo goberno non se fará cargo desa partida de 100.000 euros, que terá que asumir o Concello.

Compartir: