XUNTA DE GOBERNO

A Xunta de Goberno adxudica máis de vinte contratos, entre eles a redacción do proxecto para a Escola Infantil de Salgueiriños

08/09/2009 Na sesión de 8 de setembro, a Xunta de Goberno Local procedeu á adxudicación de máis de vinte contratos, ademais de dar conta de varias subvencións da Deputación por importe de case 314.000 euros.

A redacción do proxecto básico e de execución das obras de construción da Escola Infantil en Salgueiriños foi adxudicado á empresa Arquitav Arquitectos, por un importe de 36.590 euros máis o IVE nunha sesión na que tamén se deu o visto bo á adxudicación definitiva do contrato para a execución das obras de acndicionamento e posta en valor para o uso público da área natural da Selva Negra, que recaeu na empresa IMEGA, SA por importe de preto de 200.000 euros.

Outros dos contratos que pasaron a ser adxudicados definitivamente foron os das obras de renovación da cuberta do corpo que contén a sala Ángel Brage no Auditorio de Galicia por importe de 120.831,95 euros máis IVE; o da execución de subministración e posta en funcionamento da nova versión do portal web do Concello, pola cantidade de 32.258,62 euros máis IVE; ou o da execución das obras incluídas no proxecto construtivo para a optimización da circulación viaria no Polígono Industrial do Tambre, que correrá a cargo da empresa 2000 Joscon Construcciones, por importe de 102.900 euros máis IVE.

No apartado de adxudicacións provisionais apróbaronse as relativas ás obras de acondicionamento e restauración do Castelo da Rocha Forte por importe de 83.350 euros máis IVE, e as do servizo de redacción do proxecto de execución das obras de reurbanización das zonas das Hortas e Cruceiro do Gaio.

Así mesmo, procedeuse á adxudicación definitiva do contrato para a subministración e instalación de xogos para a área infantil do centro sociocultural e do campo da festa de Villestro por preto de 22.000 euros, así como a execución das obras de acondicionamento da parcela para campo a festa en Verdía, neste caso de xeito provisional.

Tamén se deu conta da concesión por parte da Deputación da Coruña de dúas subvencións para facer fronte ao sostemento e financiación dos centros socioculturais municipais rurais e do Ensanche por importe de preto de 314.000 euros.

Por urxencias aprobouse o prego de cláusulas administrativas e técnicas e o inicio do expediente de contratación do servizo de actualización do catastro sobre inmobles urbanos e inmobles rústicos con construcións por procedemento aberto, establecéndose un tipo de licitación de 193.965,52 euros/ano e un prazo de execución de dous anos. Asemade, resolveuse a convocatoria de concesión de bolsas de comedor escolar para alumnado de centros docentes públicos e privados concertados de educación infantil (2º ciclo)e de primaria do municipio coa concesión de 85 bolsas por importe de 20.865,36 euros para o período comprendido entre os meses de setembro e decembro.

Compartir: