CONSORCIO

O Consorcio e o COAG asinan un convenio de colaboración para que arquitectos colexiados participen no programa Ter é manter

08/09/2009 O alcalde de Santiago e presidente do Consorcio, Xosé A. Sánchez Bugallo, e o decano-presidente do Colexio Oficial de Arquitectos de Galicia, Celestino García Braña, asinaron un convenio de colaboración que permitirá crear unha bolsa de traballo pola cal arquitectos colexiados poderán participar no programa "Ter é manter", plan de axudas ao mantemento de edificacións da Cidade Histórica de Santiago, posto en marcha recentemente polo Consorcio. En total serán 10 arquitectos colexiados que traballarán nas diferentes fases do programa, é dicir, na inspección previa sobre condicións técnicas de edificios e redacción de informe ICE, na redacción do plan de mantemento da edificación e a nas propias obras de mantemento.

Trátase de promover o perfeccionamento das actividades profesionais dos arquitectos ao sevizo da cultura do mantemento, así como optimizar os recursos de ámbalas dúas institucións, implicadas dende hai anos nas políticas de conservacións das vivendas da Cidade Histórica. Ademais, o convenio permite crear unha saída laboral a estes profesionais.

O ICE, informe sobre o estado de conservación do edificio, é o primeiro paso para a posta en marcha dos traballos de mantemento dunha vivenda. Neste senso, os arquitectos redactarán o informe, logo de facer a inspección das condicións técnicas do edificio, que acredite as condicións de seguridade, estabilidade, estanquidade e consolidación estrutural.

Se o informe ICE fose favorable pasaríase á redacción do plan de mantemento, que identificará os traballos de mantemento ordinario a realizar nun período de 12 anos. A continuación, o propietario do edificio poderá proceder a encargar as obras propias de mantemento.

Ademais, como complemento, os arquitectos colexiados terán que asistir a diferentes xornadas e cursos de formación que o Consorcio e o COAG organizarán neste ámbito.

Ter é manter
Baixo o lema Ter é manter, o Consorcio coa colaboracion do Concello, a través da Oficina da Cidade Histórica e Rehabilitación, puxo en marcha o "Programa de axudas ao mantemento da envolvente exterior e dos elementos comúns interiores das edificacións da cidade histórica de Santiago de Compostela", que comeza cun orzamento de 200.000 euros nunha primeira fase. As axudas foron aprobadas pola xunta de goberno local o pasado 14 de xullo e prevese que estan abertas durante dous meses, a partir de mediados de setembro.

A axuda será do 50 % do custo de execución das obras de mantemento e o 50% dos honorarios profesionais. Poderán ser beneficiarios das axudas propietarios, arrendatarios ou titulares dalgún dereito de uso sobre o inmoble. O uso principal do edificio deberá ser o de vivenda, estar dentro do ámbito do Plan Especial da Cidade Histórica, ter suficiente seguranza estrutural e estanquidade fronte á chuvia e unha antigüidade superior a 5 anos. As solicitudes presentaránse na Oficina Municipal da Cidade Histórica e de Rehabilitación (Ocihr), nos baixos do Pazo de Vaamonde (rúa do Vilar, nº 59).

No período de 12 anos subvencionarase a realización dunha acción de mantemento intensa no edificio que comprenda cuberta, fachadas, galerías e carpintarías de madeira. Ademais, neste período volverase tres veces máis á cuberta e unha vez máis ás fachadas de orientación sur e oeste, as máis afectadas polo sol e pola combinación de auga e vento, que incluirá o mantemento das galerías e carpintarías de madeira. Nestes 12 anos subvencionarase ademais unha actuación sobre os elementos comúns interiores (escaleiras, por exemplo).

Para acceder á axuda será necesario contar cun plan de mantemento a 12 anos, axustado á realidade construtiva do edificio e co ditame favorable do informe sobre o estado de conservación do edificio (Informe ICE) que asegure o seu bo estado, e por tanto a posibilidade de investir en labores de mantemento.

Ademais, Ter é manter quere concienciar á cidadanía en xeral, e aos veciños da cidade histórica de Santiago en particular, da importancia da cultura do mantemento, clave para a conservación do patrimonio de Compostela, declarado Patrimonio da Humanidade en 1985. Esta campaña ven acompañada dunha imaxe innovadora baseada en animación gráfica, e conta cunha web propia (www.teremanter.eu), onde informarse sobre cómo solicitar as subvencións.

A modo de exemplo, a realización das obras de mantemento da envolvente exterior dun edificio tipo da cidade histórica de Santiago de Compostela de planta baixa e dúas alturas e 120 metros cadrados por planta, e dos seus elementos comúns interiores, durante os próximos 12 anos, supón un custo mensual de 15 euros para cada un dos 3 propietarios, unha vez descontada a subvención.

Compartir: