EDUCACIÓN

O Centro de Interpetración do medio rural da Portela acolle a última actividade antes do inicio do curso escolar

07/09/2009 O martes 8 de setembro desenvólvese a última actividade antes do inicio escolar no Centro de Interpretación do medio rural da Portela, na parroquia compostelá de Figueiras. Con tal motivo a concelleira de Educación, Mercedes Rosón, realizará unha visita os participantes deste novo programa.

Nesta ocasión serán 15 os nenos e nenas participantes, con idades comprendidas entre os 10 e os 14 anos. Segundo o programa previsto, chegarán ás 12.00 horas do martes á casa da Portela, onde serán recibidos pola concelleira. A continuación, realizarán un percorrido pola zona co obxecto de coñecela e de recoller prantas e flores, que empregarán pola tarde.

Tralo xantar, dedicaranse ao secado e selección das prantas recollidas e traballarán con elas no obradoiro ecolóxico a partir das 18.00 horas. Desde as 20.00 os monitores teñen preparados unha serie de xogos e unha xinkana medioambiental para todos eles. Desfrutarán con esta actividade ata a hora da cea, prevista para as 9 da noite, e despois, velada nun marco incomparable.

O mércores día 9 aprenderán, entre outras cousas, a montar unha tenda de campaña, a crear un herbario, ou a realizar un caderno de campo. Antes do remate do programa, ás 19.00 horas, terán tempo para novos xogos.

O Centro de Interpretación do medio rural de Santiago de Compostela, situado no que foi a escola rural de Portela, abriu as súas portas o pasado 28 de xullo. Dende entón está a ser un recurso importante para coñecer aspectos sobre o medio rural, a conservación do entorno e o uso razoable dos recursos.

Compartir: