CENTROS SOCIOCULTURAIS

Teatro, obradoiros, música, cinema e deporte na XXIV Semana Cultural do CSC de Conxo

07/09/2009 O Centro Sociocultural de Conxo comeza mañá, día 8, a súa XXIV Semana Cultural con actividades para todos os públicos e para todos os gustos. A inauguración, faraa a concelleira de Cultura e Centros Socioculturais, Socorro García Conde, ás 20.00h no propio CSC, coa apertura da mostra "A primeira liña do ferrocarril en Galicia: Cornes-Carril". O acto contará coa actuación do grupo de pandereteiras do CSC de Conxo e do grupo de Cantigas e Agarimos. Pero xa mañá, previamente a esta inauguración, comezarán as actividades coa primeira parte do Obradoiro de manualidades "Construímos un tren" que se celebrará a partires das 17.30h.

Ao longo de toda a semana desenvolveranse distintas actividades de todo tipo. Así, o mércores haberá diferentes xogos: cartas, dardos, tenis de mesa, xogos informáticos… a partires das 17.00h. e xa ás 20.00h celebrarase unha mesa redonda. Baixo o mesmo título que a exposición, "A primeira liña do ferrocarril en Galicia: Cornes-Carril", contará coa presenza de Carlos Abellán Ruíz, Tomás Cavanna Benet, Juan B. de la Salle Barreiro Pérez, Xoán Luís Miguéns García e Manuel Suárez Fuentes. Xa o xoves celebrarase a segunda parte do Obradoiro de manualidades "Construímos un tren" ademais doutras actividades entre as que destacan unha xincana ciclista e cinema ao aire libre a partires das 22.30h na praza de Conxo. Este día, ademais, o grupo Resonet actuará a partires das 20.00h na capela do Cristo e, un pouquiño antes, ás 19.00h o grupo de Teatro do Centro Sociocultural de Conxo representa A consulta da doutora de Fina Casalderrey. A continuación o Grupo A LOCA MOTORA representa Carlota e Marieta dan a volta ao planeta.

O venres, ademais de xogos informáticos e campionatos de diferentes xogos de mesa, haberá baile na praza coa orquesta Solymar a partir das 17.00h, un campeonato de futbol 3x3, una mostra-exhibición de Batuka e hip-hop e un taller de Break-Dance. Xa o sábado, data de peche da Semana Cultural, a programación intensifícase. Ás 11.30h haberá una ruta polo Sar organizada pola Concellaría de Medio Ambiente e ás 12.00h Contacontos na Biblioteca. Xa pola tarde a actividade arrinca ás 18.00 cunha mostra de danza-ballet ademais dunha intervención artística arredor da danza que contará coa presenza de As Feiticeiras. A Comisión de Festas xunto co propio CSC organiza para esta tarde de sábado un Campionato de Chave para nenos e nenas, ao que hai que engadir a actividade de Tenis de Mesa que organiza e o clube Conxo TM, e os Xogos Tradicionais na praza Aurelio Aguirre que chegan da man da Asociación de Xogos Tradicionais de Compostela e Xandobela. A partires das 20.30h. procederase a entregar os premios aos gañadores e gañadoras dos torneos que se celebraron ao longo de toda a semana e, para pechar este día, a partires das 22.00h celébrase o Conxo-Rock, organizado pola Comisión de Festas de Conxoc coa colaboración da Concellaría de Cultura e Centros Socioculturais.

Aínda que esta semana cultural remataría o sábado 12 hai unha actividade que se celebrará o martes 15 de setembro por ser ese o día, precisamente, no que se inaugugurou a primeira liña de ferrocarril do noso país, que unía Cornes con Carril. Para conmemorar esa inauguración, que foi no ano 1873, o CSC de Conxo organiza, a partires das 17.00h, una visita ao museo ferrocarrilero e ao museo do ferrocarril de Vilagarcía. Esta é unha actividade de balde pero para participar hai que inscribirse previamente. Así, con obradoiros, campionatos, teatro, música, baile, exposicións, etc… desde o Departamento de Centros Socioculturais búscase que a veciñanza do barrio celebre una semana na que todos e todas atopen alguna actividade que se adapte ao seu horario e ás súas afeccións ademais de fomentar o convivio entre os veciños do barrio e así aumentar o número de usuarios do CSC ao longo de todo o ano.

Compartir: