BENESTAR SOCIAL

O proxecto Educación de Rúa finaliza cunha curta na que se recollen as inquedanzas dos mozos e mozas das Fontiñas

07/09/2009 A concelleira de Benestar Social e Igualdade, Mar Martín, fixo unha valoración do funcionamento do proxecto Educación de Rúa, desenvolvido polo seu departamento, e presentou a curta que realizaron os seus participantes como unha actividade máis. Proxectarase mañá, martes 8 de setembro, ás 20.00 horas no Centro Sociocultural das Fontiñas.

O Proxecto Municipal de Educación de Rúa é unha das liñas de intervención social deseñadas e implementadas dende a Concellería de Benestar Social e Igualdade do Concello de Santiago de Compostela, dentro da Unidade de Intervención Familiar. En concreto, a Educación de Rúa constitúe unha intervención educativa que emprega o tempo de lecer como recurso principal e que está dirixida a toda a poboación sendo os/as destinatarios/as principais o colectivo infanto-xuvenil da zona de Fontiñas. Dado o éxito do proxecto, a Concellería repetirá a experiencia en vindeiras ocasións.

Coincidindo coa finalización do proxecto, que deu comezo no mes de marzo, realizarase un acto no que se poderá ver a curtametraxe "Rúas de Vida", o vindeiro 8 de setembro ás 20:00 no Centro Sociocultural de Fontiñas. Esta película foi realizada polos propios mozos como actividade do Proxecto de Educación de Rúa e nela participaron máis de 60 persoas pertencentes a diferentes franxas de idade.

Este corto pretende mostrar a vida social do barrio así como tratar temas do interese da poboación. O argumento articúlase en torno a tres liñas principais; nunha delas exponse as alternativas socioeducativas que ofrecen as diferentes entidades que traballan no barrio para os nenos e nenas; por outra banda, móstranse as preocupacións (en canto a educación, a familia, a amizade,…) propias dos e das adolescentes de Fontiñas; e por último, o papel fundamental que teñen as persoas maiores en todo o tecido social.

O filme ten un marcado sentido educativo xa que expón temas como a escolarización, as relacións sociais, a heteroxeneidade, a autoestima,… e foi desenvolvida baixo unha metodoloxía na que predominaba o respecto á diversidade, o encontro interxeracional e a escoita activa.

A realización desta actividade contou coa colaboración das entidades socioeducativas que traballan no barrio de Fontiñas, como son: os centros educativos (IES Antón Fraguas, CEIP Fontiñas, CEIP Monte dos Postes), o Centro Sociocultural, o Programa de Apoio a Familias Monoparentais Abeiro, a Fundación Secretariado Xitano, U.M.A.D, Centro de Día Arela, Policía Municipal, Centro de Saúde, Parroquia de Fontiñas e tamén a Comunidade de Propietarios de Praza Europa.

Compartir: