ALCALDÍA

O alcalde amósase partidario da creación dun ente único que xestione os tres aeroportos galegos

04/09/2009 O rexedor compostelán, Xosé A. Sánchez Bugallo, apostou, na súa rolda habitual dos venres, pola creación dun organismo único de xestión que se encargue dos tres aeroportos galegos e no que estén implicados o Ministerio de Fomento, a Xunta de Galicia, os concellos e a sociedade civil.

Da mesma forma que se unifica a xestión dos portos de Coruña e Ferrol ou dos de Vigo, Marín e Vilagarcía, o alcalde aposta por unha política común de xestión e de promoción cun ente aeroportuario único en Galicia; coma un "aeroporto galego con tres pistas".

Para Sánchez Bugallo a situación dos aeródromos galegos é un tema da máxima importancia que debería ser tratado coma "un asunto de Estado" coa implicación de todos os estamentos. Non en van, salientou o alcalde, estamos a falar dun sector, o turístico, que xenera en Galicia 6.000 millóns de euros por ano e que supón o 11% da actividade económica. Trasladando as cifras a Santiago o turismo, destacou, crea arredor de 15.000 postos de traballo e xenera unha actividade económica de 600 millóns de euros, o 24% do Produto Interior Bruto da cidade. En verbas do alcalde, "é un sector estratéxico para a economía de Galicia, de Santiago e do seu hinterland".

Así mesmo, o rexedor quixo deixar claro que o goberno municipal leva traballando moito tempo polo aeroporto, tanto no campo das infraestruturas (por exemplo na construción da nova terminal) como no das negociacións coas empresas de baixo custo. Precisamente os acordos acadados con compañías como Ryanair, Vuelingo ou Air Berlin foron as que posibilitaron que o aeroporto de Santiago seguise crecendo desde o último Ano Santo, en 2004. De feito, o pasado xullo, o aeródromo compostelán experimentou unha suba do 13%, o que o converte no mellor mes na historia do aeroporto.

Sánchez Bugallo tamén quixo salientar que neste ano o crecemento do aeroporto estase a sustentar exclusivamente no Concello xa que o convenio asinado coa Xunta finalizou en decembro e desde esa o goberno autonómico non fixo aportación algunha. Para a rexedor o punto de partida debe de ser agora o devandito convenio asinado en 2005 e chama tanto ao presidente da Xunta como ao conselleiro de Cultura a que se impliquen no tema, xa que se trata dunha cuestión estratéxica non só para Santiago senón tamén para Galicia. Nun momento como o actual, apuntou, non se lle pode dar o tiro de gracia a un sector vital.

Compartir: