ALCALDÍA

Os empresarios da cidade trasládanlle ao alcalde a súa preocupación pola situación do aeroporto

02/09/2009 O alcalde compostelán, Xosé A. Sánchez Bugallo, convocou esta mañá no Pazo de Raxoi a representantes da Cámara de Comercio, da Asociación de Hostelería de Santiago e da Asociación de Empresarios do Polígono do Tambre, para abordar a situación do aeroporto de Lavacolla. Na reunión tamén estivo presente o concelleiro de Turismo, Xosé Manuel Iglesias.

Tratouse dun encontro previo á reunión que manterán mañá os concelleiros de Turismo das cidades de Santiago, Vigo e A Coruña coa Xunta de Galicia no que se lles informou aos empresarios da postura do municipio compostelán. Nesta xuntanza de hoxe os representantes do sector turístico manifestaron a súa enorme preocupación pola situación das negociacións coas compañías de baixo custo, xa que un mal resultado das mesmas, sinalaron, afectaría de forma moi directa a Santiago e á súa comarca.

Así mesmo, déronlle o seu visto bo á proposta de conexións aéreas estratéxicas en Lavacolla que o Concello de Santiago remitirá á Xunta de Galicia no día de hoxe e que será tratada na reunión que mañá, xoves 3, manterán os municipios de Santiago, Vigo e A Coruña con representantes da administración autonómica. (Adxúntase o documento).

Por último, neste encontro acordouse fixar para o xoves 10 de setembro unha reunión do Consello Económico e Social no que se tratará exclusivamente a situación do aeródromo compostelán e na que se informará aos membros do resultado da antedita reunión do día 3.

Compartir: