CULTURA E MEDIO AMBIENTE

A segunda edición de Vive o verán! remata con 6.500 usuarios

01/09/2009 A concelleira de Cultura e Centros Socioculturais, Socorro García Conde, e máis a concelleira de Medio Ambiente, Elvira Cienfuegos, ofreceron unha rolda de prensa na que valoraron moi positivamente a segunda edición de 'Vive o verán!', o programa que oferta lecer educativo e saudable ao aire libre.

Vive o Verán! celebraba na tarde de onte a súa última actividade coa festa de peche de 'Bibliopiscina', o servizo de préstamo de libros instalado nas piscina do Multiúsos do Sar. Esta mañá, as responsables dos dous departamentos municipais encargados do programa, a concellaría de Medio Ambiente e a de Cultura e Centros Socioculturais, facían un balance moi positivo desta segunda edición.

Socorro García destacaba que se cumpriron os obxectivos cos que se iniciaba Vive o verán! hai xa dous meses. Entre estes figuraba especialmente o de achegar unha oferta de lecer educativo, sociocultural e ambiental adaptado ao exterior ao mesmo tempo que se daba a coñecer a Rede de Centros Socioculturais de Compostela. A edil nacionalista mostrouse moi satisfeita xa que 'a xente interesouse e asistiu ás actividades'. Segundo os datos ofrecidos, o programa contou cun total de 6.500 usuarios.

Pola súa banda, Elvira Cienfuegos quixo destacar que non só o número de participantes foi significativo, senón que as súas opinións sobre o programa, recollidas a modo de enquisa, manifestaban satisfacción. Segundo Cienfuegos, estes datos de participación e acollida animan a continuar co programa en anos vindeiros. Así, dixo, 'cómpre continuar cun programa que contribúe a mellor coñecer a cidade e disfrutar dos espazos exteriores de Compostela'.

Obxectivos cumpridos e superación das expectativas
Ademais, a concelleira de Cultura explicou que se acadaron obxectivos máis concretos para esta segunda edición, como o de sumar axentes que colaborasen no programa -como é o caso de Arteria Noroeste, Curocircuíto ou a asociación Astronomía na Beirarrúa- e mellorar a organización e ampliar a oferta respecto ao ano pasado. Nese sentido, Socorro García destacou que a edición de 2009 'incrementou o número de actividades ofrecidas, os días de celebración de actividades e os espazos, chegando á zona rural', o que considerou como todo un éxito.

Elvira Cienfuegos fixo tamén unha valoración moi positiva deste Vive o verán! que ofreceu catorce actividades distintas ao longo de xullo e agosto. A responsable de Medio Ambiente salientou por exemplo unha proposta como 'Bibliopiscina', que incrementou nun 25% a súa participación respecto ao ano pasado. Tamén destacou o caso de 'Observando o ceo', que cunha previsión de menos dun centenar de usuarios, acadou unha cifra final de trescentos asistentes. O cinema ao aire libre tamén obtivo este ano mellor acollida que en 2008, malia os aspectos meteorolóxicos, que tan pouco favoreceron nesta ocasión.

Compartir: