EMPREGO

Promoción Económica impartirá dez cursos en setembro e outubro para o alumnado do Crear VI

27/08/2009 A Concellaría de Promoción Económica, Emprego, Comercio e Turismo impartirá en setembro e outubro dez cursos para dar resposta as demandas de capacitación e formación das 100 persoas que participan no Proxecto Crear VI, (60 homes e 40 mulleres) que se desenvolverá ata abril de 2010.

Estas dez accións formativas súmanse as catro programadas no mes de agosto, que contan con 110 horas lectivas, e nas que participan 37 alumnos. O obxectivo do programa é que accedan ao mercado de traballo persoas con especiais dificultades de inserción ou reinserción. As persoas que participan no Proxecto Crear reciben formación e asesoramento para acadar un emprego axeitado ás súas expectativas e capacidades a través da posta en marcha de Itinerarios Personalizados de Inserción.

A primeira fase do Proxecto Crear consiste en entrevistas en profundidade e titorías personalizadas, nas que se define o Plan Persoal de Inserción de cada participante. Unha vez concretado este plan, nunha segunda etapa desenvólvense obradoiros formativos á carta, orientados a mellorar as habilidades e posibilidades de inserción. Para dar resposta á demanda de formacion dos/as participantes, a Concellaría organizou 14 cursos para os meses de agosto, setembro e outubro.

A terceira etapa é a de achegamento á empresa, con prácticas ocupacionais para os usuarios que carecen de experiencia, sensibilización do tecido empresarial e colaboración con axentes sociais. Tendo en conta os recursos destinados a emprego e a análise do mercado de traballo búscanse ofertas axeitadas aos perfiles dos demandantes. A cuarta e última fase do Proxecto Crear é a de seguimento das persoas que non conseguiron inserirse laboralmente e das que están traballando pero buscan mellorar as súas expectativas de emprego.

O Proxecto Crear VI conta cun orzamento de 168.235 euros, cofinanciados pola Consellería de Traballo e o Fondo Social Europeo. A través do Proxecto Crear V, que rematou en abril, accederon ao mercado laboral 49 dos 75 participantes, o que representa o 65,3% do total.

Compartir: