TURISMO

O Concello de Santiago promociona o turismo de inverno

02/11/2005 Atraer un turismo de calidade na temporada baixa, entre os meses de novembro e marzo, é o obxectivo principal da campaña de desestacionalización turística que co lema "Ven a Santiago, descubrirás Compostela" impulsa o Concello de Santiago en colaboración con Turismo de Santiago.

Este programa realízase co obxectivo de animar aos turistas a viaxar a Compostela nos meses de menor ocupación hoteleira e que poidan gozar, con tempo e tranquilidade, dunha oferta cultural, patrimonial, gastronómica e nocturna. Estímase que esta iniciativa podería atraer a cerca de 6.000 persoas. Segundo o concelleiro de Turismo, Francisco Candela, todos os que visiten a cidade nestes cinco meses "poderán descubrir a auténtica Compostela".

A desestacionalización turística é un asunto prioritario para o departamento de Turismo do Concello de Santiago. Segundo Candela o fin é "lograr unha mellor distribución dos fluxos de viaxeiros ao longo do ano, aínda que Compostela, como destino urbano e cultural, ten unha menor estacionalidade que un destino de sol e praia".

Con este programa non só se pretende promocionar a cidade e incrementar o número de visitantes senón tamén "potenciar as viaxes curtas e aumentar a estadía media dos turistas a dous e tres días", tal como explicou o xerente de Turismo de Santiago, Iñaki Gaztelumendi.

A campaña desenvólvese por cuarto ano consecutivo e está inicialmente dirixida a turistas españois e portugueses, aínda que pode estenderse a outros mercados grazas ás novas conexións directas que ofrece a chegada das liñas de baixo custe ao aeroporto de Lavacolla.

Participación e Promoción da Campaña
Este ano participan na Campaña de Desestacionalización, Turismo de Santiago, 19 hoteis da cidade e cinco turoperadores encargados de comercializar a oferta: Vivatours, Transhotel, Viaxes Viloria e Viagal Tour e a entidade portugesa King Holidays.

Os hoteis participantes no programa, un de cinco estrelas, catro de catro estrelas, oito de tres, catro de dúas e dous dunha estrela, ofrecen prezos a partir de 35 euros a noite. Os viaxeiros que decidan beneficiarse desta medida poderán combinar billete de avión de ida e volta en voo regular de Iberia dende Madrid máis dúas noites de hotel desde 163 euros. Turismo de Santiago completa esta oferta cun paquete de benvida para as primeiras 500 reservas que incluirá folletos de información turística, un agasallo e descontos de ata un 50% no alugamento da audioguía en MP3 e 25% de desconto para a segunda persoa na execución de Compostela Visión á Costa da Morte que se celebrará todos os sábados.

Para difundir esta campaña empregaranse os mesmo medios que na edición anterior: o teléfono de información e reservas de Compostur (902 190 160) e a páxina web de Santiago Turismo. Aparecerá tamén nos suplementos de circulación nacional, na páxina web de Iberia, así como mediante a edición de cartaces e folletos en castelán e portugués.

Resultados da terceira edición
O concelleiro de Turismo sinalou os bos resultados que esta programa tivera nos anos anteriores. Na pasada campaña, o Plan de Desestacionalización Turística de Santiago, cerrouse con máis de 4.712 visitantes entre novembro e marzo, o que supuxo 10.967 noites de aloxamento nos hoteis participantes.

O programa rexistrou unha estancia media de 2,29 noites por persoa. No 2003-2004, Compostela recibiu neses meses 3.208 pasaxeiros. Espérase que nesta edición acádense os 6.000 viaxeiros a máis de 12.000 pernoctacións.

Compartir: