EDUCACIÓN

Todo listo para a edición de setembro da Escola Municipal de Verán

26/08/2009 A oitava edición da Escola Municipal de Verán abre as súas portas na súa convocatoria de setembro. Nos días previos ao comezo do curso escolar, preto de 300 rapaces por día terán a oportunidade de participar nun programa cunha completa oferta lúdica e educativa. Será os días 2, 3, 4, 7, 8 e 9 de setembro nos colexios López Ferreiro, Pío XII, Fontiñas e Colexiata do Sar.

A Escola Municipal de Verán segue a ser cada ano un espazo de encontro e de lecer, cunha oferta pensada especialmente para o tempo de vacacións. Ao tempo, rendibilízanse os equipamentos escolares como espazos de aprendizaxe.

O programa configúrase en varias áreas, entre as que destacan os obradoiros de educación ambiental, con actividades como a construción de fornos solares, ou os roteiros por zonas de interese, entre outros. No eido das artes plásticas, traballarase con diferentes técnicas (pintura, debuxo, papel maché) con fin de desenvolver a sensibilidade estética dos rapaces e rapazas.

A parte máis lúdica chegará da man dos grandes xogos e das actividades deportivas, e tamén dos xogos tradicionais, entre os que non falarán a corda, o trompo ou o diábolo. A todo isto hai que engadir obradoiros de barro e de cociña e itinerarios pola cidade, entre outras actividades.

Poden participar na Escola Municipal de Verán nenos entre os 6 e os 12 anos. Os de 5 anos poderán participar sempre e cando un irmán/á estea inscrito e asista tamén. Ademais, no CEIP das Fontiñas habilitarase un espazo adaptado para os nenos e nenas de 3 a 5 anos. O impreso de inscrición deberá entregarse nas recepcións dos propios centros escolares.

As actividades desenvolveranse entre as 9:30 es 13:30 horas nos centros López Ferreiro, Fontiñas, Pío XII e Colexiata do Sar. Os monitores pertencen a Centro Don Bosco, Asociación Xuvenil da Cruz Vermella, Asociación para a Defensa Ecolóxica de Galicia (ADEGA) e Fundación Fesán.

Compartir: