ALCALDÍA

As obras nas rúas Vilagarcía, García Prieto e Sánchez Freire cambian radicalmente a imaxe urbana do barrio de Conxo

25/08/2009 O alcalde compostelán, Xosé A. Sánchez Bugallo, visitou as obras reurbanización do tramo que comprende a avenida de Vilagarcía e as rúas García Prieto e Sánchez Freire, no barrio de Conxo, financiadas polos Fondos de Inversión Local (FIL). Estas obras supoñen unha substancial mellora da calidade urbana desta vía, entre Romero Donallo e a rotonda de Conxo, que contará con amplas beirarrúas, zonas verdes e mesmo dúas praciñas.

Sánchez Bugallo destacou o "cambio radical" que se producirá neste barrio grazas a estas obras. Neste sentido, salientou a harmonización do conxunto do trazado, dun quilómetro de longo e que contaba con tramos de diferentes anchuras, e aos novos servizos. "Estas non son obras de maquillaxe, aquí cámbiase todo: canalizacións, saneamento, pavimento, mobiliario urbano; isto vai supoñer un cambio absoluto na imaxe de Conxo e unha mellora substancial na calidade de vida dos seus veciños".

A anchura mínima do carril será de 3,5 metros, con amplas beirarrúas a carón dun mínimo de dous metros a ambos lados. En total, serán 7.709 metros cadrados de beirarrúas dun total de 13.919 metros cadrados de superficie urbanizada.

Para facilitar o funcionamento dos comercios, habilitaranse ata catro áreas de carga e descarga. Fóra do horario, estas prazas uniranse ás outras prazas de aparcadoiro creadas, que serán en total preto de 100. En conxunto, serán 1.230 metros cadrados de banda de aparcamento.

Outros aspectos a salientar serán as dúas praciñas creadas, os farois na marxe esquerda e os puntos de luz á dereita ou os 15 bancos. Para a recollida do lixo instalaranse tres illas de cinco colectores soterrados cada unha. Tamén se establecerán distintos tipos de áreas verdes, con unidades de plátanos, tileiros e sebes.

Cómpre recordar tamén que, aproveitando estas obras de reurbanización e atendendo ás demandas dos veciños e á saturación do tráfico na rúa Romero Donallo, modificarase o sentido da circulación na avenida de Vilagarcía –no tramo dende Romero Donallo a García Prieto-, e nas rúas García Prieto e Sánchez Freire. O sentido será único en dirección a Conxo. Os tres enlaces coa avenida de Ferrol e outros tantos con Cornes facilitarán os xiros.

Esta actuación supón un investimento de case 1,5 millóns de euros. As obras avanzan segundo previsto, polo que estarán rematadas no mes de decembro. Neste sentido, o alcalde reiterou que a intención municipal é de que todas as obras da cidade incluídas nos FIL podan estar rematadas antes do Nadal.

Compartir: