CULTURA

Último mércores do Festival dos Abrazos coa danza contemporánea da compañía Erre que Erre e o piano de João Afonso

25/08/2009 A danza contemporánea atopa de novo como lugar idóneo un dos "espazos íntimos" propostos polo Festival dos Abrazos. No último mércores de Crea(c)ción en Aberto en Compostela, xa na recta final do festival, a recoñecida compañía barcelonesa Erre que Erre exhibe no xardín de Fonseca a súa peza No solo (de neuronas vive el cerebro enamorado), interpretada por Mariangeles Angulo e Mario G. Sáez.

A cita coa compañía Erre que Erre é ás 20:30 hora e nela dous bailaríns cunha mesma respiración e un mesmo pulso escenifican os lugares comúns das relacións de amor. Cando a química deixa de ter efecto xorde a arritmia para trazar unha poética científica da emoción a través do movemento.

Logo de vintecinco días de festival, aínda quedan espazos da cidade por descubrir. É o caso do parque Zeca Afonso, no que João Afonso homenaxeará ao seu tío ás 21:00 horas. Será un concerto especial no que as cancións portuguesas de onte e de hoxe abrollarán para lembrar a memoria familiar e colectiva.

João Afonso é un asiduo nos escenarios galegos, en boa medida grazas a súa amizada e colaboración habitual coa cantante Uxía. O seu proxecto bebe das fontes da música urbana africana do seu Mozambique natal e da música popular portuguesa, á que chegou a través do seu tío Zeca Afonso. Aínda que xa colaborara antes con Júlio Pereira e Luis Pastor, entre outros, foi dende a publicación en 1997 do seu primeiro álbum, Missangas, que se converteu nunha das voces máis admiradas do país veciño. Completan a súa discografía os discos Barco voador, Zanzibar, o recompilatorio A arte e a música e Outra vida.

Hip hop, swing brasileiro e piano só
O mércores 26 será a última ocasión para bailar cuns dos representantes do hip hop en galego. O dúo Manlandrómeda animará a rúa de Tras Salomé a partir das 20:30 horas, logo de gañar adeptos e congregar a un bo número de seareiros nas súas dúas actuacións anteriores no Festival dos Abrazos.

Non é para menos se temos en conta a tormenta de ideas que define este proxecto: "Malandrómeda é serie B, tecnoloxía e tradición, monofónico, ribeiro tinto, fritanga, marcianada, golden age, ir traballar sen durmir, vinilo, mandanga, walkman, graffiti, boa pitansa, hip hop e moito delay". O imaxinario das súas letras bebe tanto dos estantes do fondo do videoclub, coma do que se filosofa nas tabernas. O resultado está gravado en tres traballos: Os estraños sempre traen malas novas, Chegan tarde EP e o single 7.

O apartado musical incluído na programación do Feito a Man completarase coa actuación do Trío Swing Brasil na praza dos Gatos ás 22:30 horas. Formado por tres excelentes músicos -Jurandir Santana, Marcio Dhiniz e Vaudí- presentan o seu último traballo, Brasileando, que recolle unha ampla variedade dos ritmos tradicionais da brasileiros.

Ademais, teremos outra xornada de piano só con Ismael El Berdei, ás 13:30 e ás 20:30 horas no parque de Zeca Afonso. Este pianista ten unha longa experiencia como compositor e intérprete e está especializado no acompañamento de danza. Ao respecto disto sinala: "terme especializado nesta disciplina e en calquera dos seus estilos (clásico, español, contemporáneo) deume as ferramentas precisas para poder acompañar calquera tipo de expresión artística e en especial as relacionadas co mundo do audiovisual e as artes escénicas". Natural de Salamanca, estudou no Conservatorio Superior do Liceo de Barcelona e foi profesor e pianista acompañante no Ballet Nacional de España, o Institut del Teatre de Barcelona e os conservatorio profesionais de Salamanca e Segovia, entre outros.

Por outra banda, Curtocircuíto na Rúa, chega á súa penúltima xornada, esta semana con sede na praza de Cervantes ás 22:30 horas. Será esta a quinta das proxeccións ao aire libre programadas para o VI Festival Internacional de Curtametraxes dentro do Festival dos Abrazos. O programa recolle a sección Feito en España, a mellor colleita de curtametraxes españolas do último ano, e está formado por tres pezas de animación, dúas de ficción e un western: La increíble historia del hombre sin sombra, Cabaret Kadne, El ataque de los kriters asesinos, El tiempo prestado, Esto no es un western e The end.

Continúa tamén a actividade da Fundación Araguaney Puente de Culturas na ruela de Xerusalén. Martha Franco e as alumnas do Centro Gaira realizarán unha actuación de danza do ventre ás 19:00 horas.

Compartir: