CULTURA

O Festival dos Abrazos publica un catálogo de espazos con textos de Marcos Calveiro, Paula Carballeira e Rosa Aneiros

24/08/2009 O Festival dos Abrazos publica nesta a súa segunda edición un catálogo de espazos da cidade con textos de Marcos Calveiro, Paula Carballeira e Rosa Aneiros. O Festival naceu como "unha mostra da creación contemporánea que ofrece unha ollada renovada sobre os espazos singulares de Compostela" e basea a súa filosofía na consciencia de que "a cidade configura un gran escenario con multitude de ambientes propicios para calquera espectáculo".

Compostela posúe un patrimonio cultural incalculable, recoñecido pola Unesco en 1985 e polo que foi declarada capital cultural europea en 2000. Por iso, ao igual que na primeira edición, o Festival dos Abrazos proponlle tanto á cidadanía de Compostela como aos visitantes redescubrir o este patrimonio a través do diálogo creativo, cunha morea de propostas culturais que non son máis que unha grande festa homenaxe aos espazos singulares da cidade.

Dende o día 1 da agosto, estanse a desenvolver máis de 130 actividades de música, danza, circo, audiovisual, teatro, artes plásticas e outras artes en 32 lugares da cidade histórica que se agrupan ao redor de tres conceptos: campo aberto, estacións de paso e espazos íntimos. É dicir, nos parques e xardíns, nas rúas e prazas máis coñecidas de Compostela e, finalmente, naqueles recunchos que poucas veces figuran nas guías turísticas e que incluso moitos veciños descoñecen, as caras b da cidade histórica.

O Festival dos Abrazos contou nesta segunda edición co axuda de tres escritores galegos de recoñecido prestixio na organización desta festa homenaxe aos espazos singulares de Compostela. Paula Carballeira, Marcos Calveiro e Rosa Aneiros acompañan a actividade do Festival dos Abrazos no campo aberto, nas estacións de paso e nos espazos íntimos da cidade cunha proposta literaria novidosa e persoal: textos breves, chíos de menos de 200 caracteres, cos que definen cada espazo a partir das sensacións que lles producen, das imaxes que lles evocan e das historias que alí pasaron ou que aínda están por suceder.

Malabares, neotrobadores e Curtocircuito na rúa
Por outra parte, o martes 25 volve ser o día do novo circo e dos neotrobadores no Festival dos Abrazos. Así, Malabreikers traerán á praza das Praterías a súa comedia de rúa con malabares, acrobacia e humor para todos os públicos, ás 12:00 e ás 18:30 horas, mentres que Rafa Lorenzo encherá o parque de Vista Alegre de canción astur, poesía e teatro en homenaxe a Lorca, ás 13.30 e ás 21:00 horas. Completan a programación musical do día as cancións con aires do sur nunha voz poética persoal de Diego Massimini, ás 20:30 horas na Vía Sacra, e o jazz con aroma futboleiro dos Cool Hamsters de Michel González, ás 22:30 horas na praza de Salvador Parga. Ambas as dúas propostas recollidas dentro da programación do Feito a Man.

Finalmente, tamén ás 22:30 horas, no parque de Bonaval, o Curtocircuíto na Rúa achegará no seu Explora! unha mostra de curtas experimentais de todo o mundo.

Compartir: