MEDIO AMBIENTE

A restauración da carballeira de Nemenzo recuperará un espazo de convivencia e lecer para a parroquia

20/08/2009 A concelleira do Medio Ambiente, Elvira Cienfuegos, realizou unha visita ás obras de restauración e posta en valor da carballeira de Nemenzo. Esta actuación forma parte dun conxunto de intervencións no medio rural dirixidas á conservación e valorización do patrimonio natural e do construído, ademais de conformar espazos para o encontro e o lecer, como a intervención prevista en Verdía.

A restauración e posta en valor da carballeira de Nemenzo é unha vella demanda da parroquia. Durante a visita, a concelleira manifestou que "con esta actuación estase a facer efectiva unha mellora substancial do contorno do centro sociocultural, conformándose un novo espazo de lecer que convida á convivencia e ao desfrute de toda a veciñanza". Para Elvira Cienfuegos, o obxectivo fundamental da intervención é "conservar e restaurar os valores naturais propios da carballeira, ao tempo que se posibilita o uso deste espazo pola parroquia ou polos seus visitantes"

Este espazo ten unha superficie total de 7.450 metros cadrados. Está beirado por un regato e habilitarase sinalización no seu acceso principal con información relativa á súa flora e fauna. Os carballos son a especie dominante, aínda que tamén é fácil recoñecer acivros, bidueiros e sanguinas, así como diferentes especies arbustivas e herbáceas.

Restauración e posta en valor
A intervención en Nemenzo inclúe actuacións en todo a contorno do centro e conta cun orzamento de 30.000 euros. Entre os principais traballos que se están levando adiante destacan a limpeza de entullos e roza selectiva de toda a zona. Anteriormente as silvas ocupaban todo o sotobosque, co que a biodiversidade quedaba reducida a acivros, algúns loureiros e algúns sanguiños. Agora, coa eliminación da silveira xunto co saneamento dos carballos, poderá existir un asentamento das novas plantas e especies.

Este labor de saneamento da vexetación existente está sendo acompañado dunha restauración dos camiños existentes e da conformación de novas sendas en pavimentos naturais. O espazo principal da carballeira será finalmente acoutado cun valo de madeira e, na zona máis inmediata ao centro sociocultural, incorporarase mobiliario como mesas e bancos rústicos, así como papeleiras. É de salientar tamén a intervención que se acometerá para integrar o deposito de auga, situado na carballeira, no espazo.

Neste conxunto de intervencións, cun investimento total de 200.000 euros, inclúense tamén a restauración da carballeira de Mourentán, en Lavacolla, e actuacións de conservación e mellora do contorno de varias fontes e lavadoiros do rural de Santiago. A obras están financiadas por AGADER a través dunha liña de subvencións á que o Concello de Santiago accedeu por concorrencia competitiva. O financiamento completase con axudas da Deputación Provincial.

Compartir: