CULTURA

As tradicións musicais persas abrázanse na igrexa de Santa María do Camiño co concerto de Barbod Ensemble

20/08/2009 O patrimonio arquitectónico de Compostela volve a ser testemuña dun encontro intercultural no seo do Festival dos Abrazos. Barbod Ensemble actúa o venres 21 na igrexa de Santa María do Camiño, ás 13:00 e ás 20:00 horas, cunha formación e un repertorio que beben das tradicións musicais de Oriente Medio.

Barbod Ensemble está integrado por músicos iranianos e armenios, encabezados por Massud Naderi, mestre dos ritmos persas sacados dun peculiar instrumento: o tombak. Todos eles residen en Cataluña e os seus espectáculos inclúen improvisacións sobre pezas das tradicións persas, armenias e doutros países do Oriente Medio, o Cáucaso e Asia Central, nas que a percusión xoga un importante papel.

O grupo rescata música dos máis diversos lugares de tradición persa, ata hai pouco descoñecida en Occidente, pero que está acadando un grande éxito. Mostra disto é que os seus instrumentos están sendo protagonistas de bandas sonoras e colaboracións con agrupacións de jazz, flamenco e músicas mediterráneas. Entre eses sons exóticos destacan o do tombak e o def, que se funden coas melodías engaiolantes de instrumentos de corda, como o rubab afgano, o oud e o tar, e mais de vento, como o duduk.

No transcurso do Festival, a igrexa de Santa María do Camiño acolleu outros patrimonios musicais internacionais, como os cantos yoik dos lapóns, interpretados por Inga Juuso en fusión co contrabaixista Steiner Raknes, e o son oriental máis antigo coa mestría de Meng Wang ao guzheng, un instrumento tradicional chino de corda.

Micrófonos xigantes, loitas dixitais e cine Amal
Tamén o venres 21 haberá outra proposta dentro da sección máis atrevida e innovadora do festival. O colectivo artístico Escoitar.org presenta nos Abrazos Off a súa audioacción Macrófono. Seguindo no seu afán por sacar á luz aqueles sons que pasan máis desapercibidos na vida cotiá, farán un percorrido pola cidade cun micrófono xigante capaz de captar o son ambiente da cidade en tempo real e incluso emitilo pola radio.

O punto de partida é a praza do Toural, e a hora, a unha do mediodía. O obxectivo é trazar o mapa sonoro de Santiago, incluíndo os sons que definen o seu carácter e a súa identidade, para fomentar a escoita activa do que a miúdo é un fondo difuso e salientar a importancia da auralidade á hora de construír os relatos históricos dos lugares.

Como todos os venres no Festival dos Abrazos, pecharase a xornada cunha sesión dj ás 23:30 horas no parque de Bonaval, diante da Zona C. MusicVideoCrash é o nome dun espectáculo que promete unha noite de loita libre entre música e imaxes. Lord Keison enfróntase nun novo combate entre audio e vídeo con Chemical Orange.

Continúa tamén na ruela de Xerusalén a intervención da Fundación Araguaney Puente de Culturas, un espazo para achegar as compostelás e os composteláns á realidade de Palestina. Na súa sección Cine Amal proxectarán, ás 21:30 horas, o filme Ecrivains des frontières, no que unha delegación de escritores narra en primeira persoa a súa visión do conflito na Palestina ocupada.

Para os máis pequenos haberá a partir das 11:30 horas un obradoiro infantil no parque de Vista Alegre. Nesta ocasión desenvolverase unha actividade de animación á lectura a partir do noso mundo imaxinario. As nenas e os nenos que queiran asistir poden inscribirse previamente a través do correo electrónico afernandez@sgae.es e nos teléfonos 981 581 821 e 981 560 082.

Compartir: