EMPREGO

Os participantes no Programa Persoa IV rematan a fase de prácticas

19/08/2009 Os participantes no Proxecto Persoa IV, que desenvolve a Concellaría de Promoción Económica e Emprego, remataron o período de prácticas e entran na última fase do programa, a de apoio á colocación. 50 persoas (o 83,33% dos participantes) realizaron prácticas en 33 entidades ou empresas.

Dende que comezou a desenvolverse o programa, en febreiro, outras seis persoas accederon ao mercado laboral a través de contratos de diferente duración. O resto de persoas renunciou ás prácticas. Este proxecto experimental de emprego, que se divide en dúas quendas de 60 persoas cada unha, ten como obxectivo promover a integración laboral de 120 desempregadas/os a través da súa participación nun proceso integral de inserción (formación, prácticas en empresas e apoio á colocación) en ocupacións consideradas novos xacementos de emprego.

As prácticas estiveron relacionadas coas especialidades desenvolvidas polo alumnado: Especialista no coidado e atención a persoas maiores e descapacitadas, de 680 horas de duración; Dirección e xestión de centros e servizos de atención a maiores, de 650 horas de duración; Especialistas en mediación familiar e socioeducativa na resolución de conflitos, con outras 650 horas de duración, e Reparación, mantemento e adaptación de edificios e vivendas para maiores e dependentes, que entre formación e prácticas suma 665 horas. Este foi o último curso en rematar o período de practicas, realizadas no Centro de Formación ocupacional de Sanxuás de Aríns e en residencias e centros de maiores. Consistiron na realización de obras menores de restauración e mellora da accesibilidade: construción de ramplas adaptadas á normativa vixente, reposición de pintura en salas e habitacións, e reparacións de electricidade e fontanería.

Última fase: apoio á colocación
A última fase, de apoio á colocación, está centrada nas titorías de inserción, a través das que os titores do programa realizan unha continua intermediacion laboral. Entre as funcións das titorías figuran: estar en continuo contacto co sector empresarial, detectar ofertas de emprego e formación no mercado de traballo local, seleccionar os perfís máis adecuados para cubrir estas ofertas e realizar un achegamento e seguimento dos participantes no Proxecto Persoa no proceso de transición ao emprego a través do acompañamento personalizado continuo.

Servizos persoais
O Persoa IV focaliza a súa atención nos servizos persoais a coidadores de persoas maiores, de persoas enfermas e discapacitadas, e de nenos. Ademais de traballar a inserción laboral incide na cobertura de servizos sociais fundamentais, formando ao alumnado nun sector considerado como un novo xacemento de emprego: o sector dos servizos ás persoas. Cóbrese así unha demanda social, e avánzase, ao mesmo tempo, cara unha sociedade do benestar.

En concreto, afróntase a cobertura de funcións ata agora asumidas polas familias, sobre todo polas mulleres, como é o coidado de persoas dependentes. Está previsto que a primeira quenda remate en novembro. A segunda, na que se impartirán as especialidades de Atención temperá e estimulación precoz, Auxiliar de axuda a domicilio, Xestión e desenvolvemento de servizos e empresas de axuda a domicilio, e Especialista en asistencia persoal, está previsto que se desenvolva entre outubro de 2009 e setembro de 2010.

O Persoa IV conta cun orzamento de 720.000 euros, cofinanciados polo Fondo Social Europeo. Integrado no Pacto polo Emprego de Santiago de Compostela, esta dirixido a persoas desempregadas, priorizando os colectivos de difícil inserción laboral. No Persoa III, desenvolvido tamén pola Concellaría de Promoción Económica e Emprego, accederon ao mercado laboral a través de contratos de diferente duración, 103 das 105 persoas participantes, o 98% do total.

Compartir: