ALCALDÍA

Un ano máis lembrando a Ánxel Casal

19/08/2009 Un ano máis, ao pé do monolito en memoria de Ánxel Casal situado en Cacheiras (Teo), celebrouse un acto de lembranza a quen fora alcalde de Santiago. O 19 de agosto de 2009 cúmprense 73 anos da aparición do seu corpo neste lugar.

A alcaldesa en funcións, Mar Martín, participou neste acto, co que se pretende "seguir loitando contra o esquecemento, para manter aceso o facho da nosa memoria". "Non esqueceremos nunca que o derradeiro alcalde republicano de Compostela apareceu morto nunha cuneta moi preto deste lugar no que cada ano nos xuntamos para honrar a súa memoria e agradecerlle unha vez máis a súa extrema xenerosidade no compromiso cos ideais que consideraba xustos. A súa loita fainos a todos máis libres", indicou.

Segundo Mar Martín, "nun momento coma este faise aínda mais preciso xuntar esforzos a prol da lingua e ter moi presentes a todos os que como Ánxel Casal traballaron a reo por ela". Neste punto lembrou o labor como editor de Casal, "marcado por fitos que conforman os capítulos máis gloriosos da escrita galega, e por iso leva o seu nome o premio que convoca o Concello de Santiago para estimular a creación literaria en galego entre os máis novos".

Tamén recordou que o Concello "planifica agora con ilusión ese gran centro de cultura que vai ser a Fundación Ánxel Casal que rehabilitará o edificio Fenosa de Galeras para convertelo nunha grande e permanente homenaxe a este home que tamén identifica a biblioteca pública recentemente inaugurada en Compostela". "Todas as lembranzas, todas as ofrendas son poucas cando se trata de facerlle xustiza a este galeguista que puxo na edición e difusión de textos en galego todo o seu empeño, consciente de que a mellor ferramenta para loitar contra o despotismo, a intolerancia e o totalitarismo é a cultura", engadiu.

Compartir: