CULTURA

A Quintana acolle unha proposta limpa de artificio da Orquestra Sinfónica de San Petersburgo

17/08/2009 O Festival dos Abrazos comeza unha nova semana ofrecendo á cidadanía de Compostela e aos turistas unha oportunidade excepcional para revisitar o patrimonio da cidade a través de propostas musicais internacionais de primeira orde. Despois de que o parque de Bonaval acolla o abrazo entre o jazz neoiorquino máis mítico e os novos vieiros do jazz feito en Galicia, da man do Bill Goodwin Quartet, a praza da Quintana acollerá o martes 18 a singular proposta –limpa de todo artificio- da Orquestra Sinfónica de San Petersburgo.

Esta orquestra, unha das mellores do mundo, interpretará sobre a pedra de Compostela e cun son practicamente acústico as pezas máis senlleiras dos grandes compositores rusos. A formación conta con Alexander Chernoushenko como director e Ivón Frontela como piano solista.

Xa o mércores 19, ás 21:00 horas, será o Coro da Capella de San Petersburgo -un dos máis recoñecidos e lonxevos do mundo- quen encha, da man de Vladislav Tchernouchenko, a igrexa de Bonaval de cantos sacros e cancións do pobo da antiga Rusia. É a primeira vez que visitan Galicia nos seus cinco séculos de historia.

O custo da entrada é de 15 euros no caso da Orquestra e de 10 euros, no do Coro. As entradas están á venda nas oficinas de Incolsa, na taquilla on-line de Caixa Galicia e a través do teléfono 902 434 443.


Os martes son tamén días dedicados ao novo circo galego e os neotrobadores. O circo chega ás 12:00 horas a praza das Praterías da man de Malabaranda, cos seus malabares e as súas acrobacias concienciadas co medio ambiente, e volverá, ás 18:30 horas á mesma praza coas Viaxes de Lusco e Fusco. Markos Bayón será o neotrobador encargado de encher o xardín de Fonseca co repertorio de cancións que mesturan distintas tradicións melódicas con arranxos onde se funden o acústico e o tecnolóxico do seu Autógnomo. Será ás 13:30 e ás 21:00 horas.

Compartir: