CULTURA

A Granell acolle unha mostra do pintor Vela Zanetti

03/11/2005 A partir do venres 4 de novembro, unha nova mostra da Fundación Granell achegará a obra do pintor Vela Zanetti, xunto a unha pequena representación da traxectoria retratísica de Granell. Tamén se poderá ver un documental que amosa a afinidade nas súas traxectorias vitais. A mostra permanecerá aberta ata o 19 de decembro.

O vencellamento político entre os artistas Eugenio Granell e José Vela Zanetti -na resistencia contra o fascismo en España, e máis tarde, no exilio-, non implica unha coincidencia no desenvolvemento estético da súa obra plástica. Así Granell, "milita na estética surrealista", e Vela, comprométese na súa pintura cunha linguaxe plástica forte e explícita, expresión directa da súa loita política. Granell, desenvolve a súa actividade política ao longo de toda unha vida de adhesión ao trosquismo militante, e organizado, mentres que Vela, utiliza a expresión plástica como instrumento de loita política.

A mostra constará de obras desenvolvidas en diferentes formatos e técnicas, adquirindo os xéneros do retrato e do autoretrato un carácter troncal, nesta exposición. Destaca a reiterada utilización das técnicas mixtas sobre lenzo, papel e cartón, ademais de pezas resoltas só con óleo, con témpera ou debuxos feitos a grafito. Todas se caracterizan pola forza expresiva que adoita regalarnos o autor leonés, e a elas súmase unha pequena achega de retratos feitos por Granell. Trátase de debuxos que representan a varios persoeiros do mundo da cultura española no exilio, cos que coincidiu, concretamente na República Dominicana, e entre os que se atopa o retrato do propio Vela.

Todas as obras expostas nesta mostra pertencen ao período cronolóxico que coincide co primeiro exilio español en América, (entre os primeiros anos cuarenta e mediados dos anos cincuenta), etapa na que coinciden con asiduidade Vela e Granell, e na que Granell sitúa a apertura do período máis rico da longa carreira como creador plástico do noso artista, con estas palabras: "a inauguración da túa vitalidade creadora comezou naquela illa, na cal nos atopamos con admirábeis cabezas tormenta: André Breton, Mabille, Victor Serge, Wilfredo Lam, Lloréns, Salinas, Junger, Casal Chapí, Zabaleta, Victoria de los Angeles, Menuhin, Bernaldo de Queirós...".

A estrutura da mostra contempla, aparte do achegamento á linguaxe plástica de Vela, unha parte documental que contextualiza a producción artistica do autor, a través das circunstancias políticas que lle tocou vivir e das súas relacións humanas; entre elas cobra un singular pulo a profunda amizade que o uniu a Eugenio Granell.

Compartir: