NORMALIZACIÓN LINGÜÍSTICA

Vinte e tres rapaces parten cara a Fervenza do Toxa para participar en "AnimaLingua"

17/08/2009 Os 23 participantes no programa AnimaLingua partiron dende a dársena de autobuses de Xoán XXIII cara a granxa-escola da Fervenza do Toxa, en Silleda. Os nenos e nenas foron despedidos polos seus pais e tamén pola concelleira de Normalización Lingüística, Guadalupe Rodríguez. Os rapaces, de entre 8 e 11 anos, estarán en Silleda ata o 26 de agosto.

AnimaLingua ten como obxectivo que os nenos e nenas se expresen en galego ao tempo que coñecen o funcionamento dunha granxa ou se inician nas tarefas propias dunha hora ou dun invernadoiro. Este campamento, organizado pola Concellería de Normalización Lingüística, está repleto de actividades de granxa, horta e invernadoiros, forno, talleres, excursións, actividades de transformación e moitos xogos.

Os rapaces coñecerán todos os animais que viven na Granxa Escola da Fervenza do Toxa: coellos, ovellas, cabras, becerros, burros, porcos, galiñas… Aprenderán a coidalos, as súas características e a súa achega á vida das persoas. Tamén coñecerán as especies que se cultivan na horta, os apeiros de labranza e os coidados que precisan os cultivos, así coma os procesos de compostaxe, fertilización, enfermidades e pragas.

Estes labores complementaranse con obradoiros de artesanía e creación artística e de transformación de alimentos. Todas as actividades traballaranse cun contido lingüístico e de reflexión, coa finalidade de remover atrancos e de superar prexuízos respecto ao idioma galego.

Compartir: