XUNTA DE GOBERNO

O Goberno Local adxudica o proxecto de optimización da circulación viaria no polígono do Tambre

14/08/2009 Na Xunta de Goberno extraordinaria e urxente adxudicouse provisionalmente o proxecto de optimización da circulación viaria, aparcadoiros e sinalización do polígono Industrial do Tambre. Nesta intervención investiranse 102.900 euros máis IVE. Entre outros asuntos, tamén se adxudicou a renovación da cuberta da Sala Ángel Brage do Auditorio de Galicia.

Esta actuación no polígono do Tambre incluirá o pintado das zonas de aparcamento e a retirada de plataformas e vehículos pesados que ocupan zonas non destinadas a eles. Isto suporá que se podan gañar unhas 200 prazas de aparcamento, segundo indicou recentemente en rolda de prensa a concelleira de Circulación Viaria e Seguridade Cidadá, Marta Álvarez-Santullano.

Cultura
No ámbito da Concellería de Cultura, adxudicouse provisionalmente a obra de renovación da cuberta da Sala Ángel Brage, no Auditorio de Galicia. Esta actuación supón un investimento de 120.831 euros máis IVE. O prazo de execución previsto é de dous meses.

Medio Ambiente
En Medio Ambiente, adxudicouse provisionalmente o proxecto de acondicionamento e posta en valor para o uso público da área natural da Selva Negra, por un importe de 199.100 euros máis IVE. Estes traballos iniciais, que se realizan en virtude do convenio asinado entre o Concello e o Consorcio, consistirán en labores previas e labores sobre especies existentes e hidrosementeiras.

Tamén se determinou a empresa que acondicionará unha parcela en Verdía para convertela en campo da festa, cun investimento de 86.100 euros máis IVE. Esta intervención está subvencionada pola Axencia Galega de Desenvolvemento Rural (AGADER), grazas ao seu proxecto de dinamización das áreas rurais.

Educación
Por outra parte, adxudicouse provisionalmente o servizo de redacción do proxecto de construción dunha escola infantil en Salgueiriños. O importe para este contrato é de 36.590 euros.

Ademais, elevouse a definitiva a adxudicación do contrato para a realización de obras de carpintería, albanelería, e pintura a realizar nos CEIP e escolas rurais dependentes do concello. Investiranse 104.706 euros máis IVE nesta actuación.

Circulación Viaria
Finalmente, aprobouse o proxecto e iniciouse o proceso de contratación das obras de reforma interior das dependencias da Policía Local. O tipo de licitación previsto é de 129.310 euros máis IVE.

Documentos relacionados



Compartir: